A rede social X, propiedade de Elon Musk, continúa endurecendo as restricións para as contas gratuítas. A plataforma reduciu drasticamente o número de publicacións permitidas ás usuarias que non pagan unha subscrición Premium, pasando daos 2.400 mensaxes diarias anteriores a apenas 50 publicacións e 200 respostas ao día.
O cambio apareceu de forma silenciosa na páxina de soporte da rede social e xa está afectando a usuarias que comezaron a recibir avisos ao intentar publicar máis contido do permitido.
Menos liberdade para as contas gratuítas
Segundo a nova política de X, as contas non verificadas terán agora un límite máis reducido de actividade diaria. A medida afecta tanto ás publicacións orixinais como ás respostas a outras usuarias, algo que pode cambiar completamente a experiencia de uso para persoas moi activas na plataforma.
A compañía non realizou un anuncio oficial como tal, pero a actualización da documentación de soporte confirma o novo escenario, no que as persoas que paguen terán un uso máis libre da rede social.
Este movemento encaixa coa estratexia impulsada por Elon Musk desde a compra de Twitter en 2022, cando a plataforma pasou a chamarse X. Dende entón, a compañía foi eliminando vantaxes históricas das contas gratuítas e potenciando os plans de pago como principal vía de monetización.
Loitar contra os bots (e a caída dos ingresos publicitarios)
Desde X levan tempo defendendo que este tipo de medidas forman parte da súa estratexia para combater o spam e os bots automatizados. Nesa liña, a rede social tamén introduciu novas funcións de transparencia, como a sección “sobre esta conta”, que permite coñecer datos básicos sobre a orixe dun perfil.
Porén, moitas analistas consideran que o verdadeiro obxectivo destas limitacións é empurrar ás usuarias cara os plans de pago. Desde a chegada de Musk a Twitter, a quen cambiaría o nome por X, a compañía sufriu unha importante caída dos ingresos publicitarios, especialmente tras os cambios nas políticas de moderación de contidos. De aí que as subscricións convertéronse nunha das principais fontes de ingresos.
X Premium: a alternativa para evitar os límites
Actualmente, X ofrece tres plans de subscrición para desbloquear funcións avanzadas e evitar restricións.
O plan máis económico, X Basic, custa 3,52 €/mes e inclúe a posibilidade de editar os posts, mensaxes máis longas ou unha carpeta de destacados. O seguinte salto é X Premium (9,33 €/mes), que inclúe a verificación da conta, maior visibilidade e menos limitacións. Por último, existe un plan avanzado (Premium+) que custa 44,60 €/mes e engade acceso prioritario a funcións de IA, ou nomes máis personalizados.
