A Xiaomi Smart Band 10 Pro promete máis brillo e ata 21 días de batería

Xiaomi volve á carga no mercado das pulseiras intelixentes cun modelo que apunta directamente á gama máis premium. A nova Xiaomi Smart Band 10 Pro xa é oficial en China e chega cun deseño máis refinado, pantalla moito máis brillante e unha autonomía que promete esquecer o cargador durante tres semanas.

Despois das primeiras filtracións publicadas, acompañía confirmou practicamente todas as melloras esperadas nesta nova xeración da súa popular smartband.

Pantalla AMOLED de 2.000 nits e ata 21 días de autonomía

O salto máis evidente fronte á anterior Xiaomi Smart Band 9 Pro está na pantalla. Xiaomi incorpora agora un panel AMOLED de 1,74 polgadas capaz de acadar os 2.000 nits de brillo máximo, unha cifra moi superior aos 1.200 nits do modelo previo.

Isto tradúcese nunha mellor visibilidade baixo luz solar directa, un dos puntos débiles habituais nas pulseiras intelixentes máis económicas.

A resolución mantense en 480 x 400 píxeles, ofrecendo unha experiencia visual máis que suficiente para notificacións, datos deportivos e widgets.

Por outra banda, a batería segue sendo un dos grandes argumentos da nova pulseira. A pesar do aumento de brillo e das novas funcións, Xiaomi asegura que a batería de 350 mAh pode ofrecer ata 21 días de autonomía. Como adoita ocorrer, esta cifra dependerá moito do uso real, do brillo configurado e das funcións activadas, pero todo apunta a que seguirá sendo unha das smartbands con mellor duración do mercado.

Non falta tampouco a resistencia 5ATM, polo que poderá empregarse sen problemas para natación ou actividades acuáticas.

Deseño máis premium e edición en cerámica

Xiaomi tamén quixo elevar o nivel nos materiais. A Smart Band 10 Pro chega cun corpo máis delgado, de apenas 9,7 milímetros de grosor, e cun peso de 21,6 gramos na versión estándar de aluminio.

Por primeira vez nesta familia, a marca aposta ademais por unha edición premium con acabado en cerámica, unha opción pouco habitual neste segmento e que busca achegar unha sensación máis exclusiva no pulso.

Melloras na saúde e no seguimento do sono

No apartado de saúde, a Xiaomi Smart Band 10 Pro incorpora un novo sensor PPD de dobre luz que promete unha precisión do 98,2% na medición da frecuencia cardíaca.

Tamén inclúe outros sensores que permiten a medición de osíxeno en sangue (SpO2) ou o seguimento HRV (variabilidade da frecuencia cardíaca).

Aplica ademais melloras no software, cun novo algoritmo Sleep 2.0 que mellora un 14% a detección das fases do sono e ofrece, ao tempo, maior precisión nas horas de deitarse e espertar.

A pulseira mantén unha forte orientación deportiva con máis de 150 modos de actividade física, incluíndo novidades específicas para ciclismo e detección de fatiga durante o exercicio.

Xiaomi continúa así reforzando o apartado de benestar, un dos principais reclamos neste tipo de dispositivos.

Prezo e posible chegada a Europa

A nova pulseira intelixente de Xiaomi xa está dispoñible na China, onde parte duns 50 euros ao cambio para a versión en aluminio, e duns 65 euros para o acabado cerámico.

Por agora non hai confirmación oficial sobre a súa chegada internacional, aínda que todo apunta a que acabará desembarcando en Europa nos próximos meses, probablemente durante o verán ou o outono. Se se repite a estratexia habitual de Xiaomi, o prezo no noso país podería situarse entre os 80 e os 90 euros dependendo da versión.

Sobre o autor

Reply