Houbo un tempo no que BlackBerry dominaba o mercado móbil cos seus teclados físicos, a facilidade para escribir correos e a orientación profesional, que acabaron por convertela nun símbolo dunha época.
Pero a irrupción dos smartphones táctiles cambiaron as regras do xogo, e aínda que BlackBerry chegou a presentar -tarde- as súas propostas, non souberon adaptarse, acabando por ir desaparecendo aos poucos do mercado.
Desde aquela, non foron poucos os intentos de fabricantes pequenos ou proxectos de micromecenado que aspiran a manter viva a esencia da marca, o que pasa por ofrecer un teclado físico QWERTY. O último en sumarse a estas propostas é o Clicks Communicator, un smartphone con teclado e actualizado con Android 17.

Unha “BlackBerry” con Android 17
A compañía Clicks xa deixara ver os primeiros detalles deste terminal hai uns meses, pero agora coñecemos máis información sobre unha proposta que busca combinar nostalxia e tecnoloxía actual.
O novo Clicks Communicator chegará con Android 17, a versión do sistema operativo de Google centrada na optimización mediante intelixencia artificial e na mellora da interoperabilidade entre dispositivos.
Ademais, o smartphone incorpora unha pantalla AMOLED de 4,03 polgadas con teclado físico QWERTY, trackpad capacitivo integrado e un botón especial “Clicks Key”, que permite adoptar atallos rápidos.
O dispositivo tamén aposta por tecnoloxías actuais no apartado da autonomía. Incorporará unha batería de silicio-carbono de 4.450 mAh, unha solución que permite aumentar a capacidade mantendo tamaños relativamente compactos.
A idea é recuperar a velocidade e comodidade da escritura física sen renunciar ás aplicacións nin ás funcións actuais dun smartphone.
Message Hub: todas as mensaxes nun único lugar
Un dos elementos máis interesantes do dispositivo é a súa interface personalizada “Message Hub”.
Este sistema agrupa nunha única bandexa as comunicacións procedentes de diferentes aplicacións de mensaxería, como WhatsApp, Telegram, o correo electrónico ou Slack.
O obxectivo é reducir distraccións e ofrecer unha experiencia máis limpa e enfocada na comunicación persoal e profesional.
Reservas abertas
Por agora non hai unha data oficial de lanzamento, pero o terminal xa pode reservarse con dúas opcións, que inclúen un depósito de 199 dólares e pago do resto no envío; ou o pago completo de 499 dólares, aos que habería que sumar outros 30 polo envío.
Quen realice a reserva completa recibirá ademais unha funda gratuíta valorada en 50 dólares.
Queda por ver se hai realmente mercado para este tipo de dispositivos ou se quedarán como un produto de nicho para nostálxicas da era BlackBerry e usuarias cansas da hiperconectividade actual que tampouco queren ir a un “dumbphone”.
