Xiaomi continúa ampliando o seu ecosistema de audio cun produto moi diferente ao habitual. Os novos Xiaomi Clip apostan por un formato aberto tipo clip que busca combinar comodidade, estética premium e unha experiencia de son pensada para quen non quere desconectarse completamente do seu contorno.
A compañía chinesa leva tempo reforzando a súa presenza no mercado do audio, pero este novo lanzamento supón tamén unha declaración de intencións a nivel de deseño. Xiaomi quere competir non só en tecnoloxía, senón tamén en moda e estilo de vida.
Un deseño aberto que cambia a experiencia tradicional
Os Xiaomi Clip abandonan completamente o clásico formato intraauricular. No canto de introducirse no oído, empregan unha estrutura ergonómica tipo pinza que deixa libre a canle auditiva mentres o son se proxecta cara ao interior.
Este enfoque ofrece varias vantaxes claras, entre as que destacan unha maior comodidade durante longos períodos de uso, así como unha menor sensación de fatiga auditiva. Ademais, ofrece a posibilidade de seguir escoitando o ambiente exterior, o que supón unha maior seguridade ao camiñar, correr ou traballar
O formato aberto está gañando cada vez máis popularidade entre usuarias que buscan escoitar música, podcasts ou chamadas sen quedar totalmente illadas do mundo.
Materiais premium e acabado de luxo
Xiaomi puxo especial atención nos materiais. Os auriculares están construídos cunha aliaxe de níquel e titanio con memoria de forma, deseñada para soportar o uso diario mantendo a flexibilidade e o axuste.
O exterior emprega silicona líquida, proporcionando un tacto suave e cómodo mesmo tras varias horas de uso continuo.
Ademais, o deseño minimalista e as cores discretas encaixan coa liña máis premium da marca, convertendo os Xiaomi Clip nun accesorio tecnolóxico con aspiracións de produto de moda.

Son de alta fidelidade e até 30 horas de batería
Un dos maiores retos dos auriculares abertos é conseguir unha boa calidade de son sen selar o oído. Xiaomi asegura ter resolto boa parte deste problema grazas a un controlador dinámico de alta fidelidade fabricado con materiais compostos.
Os Xiaomi Clip utilizan tecnoloxía de condución aérea e algoritmos avanzados de procesamento dixital para reducir a perda de son e mellorar a resposta das frecuencias graves.
Segundo a marca, tamén incorporan un sistema de cancelación de fugas acústicas que minimiza o son que escapan cara ao exterior, mellorando tanto a privacidade como a experiencia auditiva.
A autonomía é outro dos puntos fortes do produto. Segundo o fabricante, os auriculares ofrecen ata 9 horas de reprodución continua e máis de 30 horas en total co estoxo de carga
Tamén contan con certificación IP54, polo que resisten suor, po e choiva lixeira, algo especialmente útil para adestramentos ou uso en exteriores.
En canto a software, como xa é habitual no ecosistema Xiaomi, os Xiaomi Clip intégranse completamente con HyperOS, o que permite emparellamento instantáneo, cambio rápido entre dispositivos e sincronización fluída entre móbil, tablet e outros equipos Xiaomi.
Os controis táctiles tamén foron optimizados para evitar pulsacións accidentais, un problema frecuente neste tipo de formatos.
Unha alternativa diferente aos auriculares tradicionais
O mercado está cheo de auriculares con cancelación activa de ruído que buscan illar completamente ás usuarias. Xiaomi aposta aquí por unha filosofía diferente: manter a conexión co entorno sen renunciar á comodidade nin á calidade de son.
Os Xiaomi Clip chegan cun prezo arredor dos 100 euros ao cambio, situándose como unha alternativa máis accesible fronte a modelos premium doutros fabricantes que xa exploran formatos similares.
Queda por ver cando desembarcarán oficialmente en Europa, pero todo apunta a que Xiaomi quere converter este deseño aberto nunha das tendencias clave do audio portátil nos próximos anos.
