Chegan as subscricións de Meta: pagar por usar Instagram, Facebook e WhatsApp:

A era das redes sociais totalmente gratuítas podería estar achegándose ao seu fin. Meta, a compañía propietaria de Instagram, Facebook e WhatsApp, xa iniciou o despregamento oficial dun novo sistema de subscricións que permitirá ás usuarias acceder a funcións premium mediante unha cota mensual.

A iniciativa, que xa está activa nalgúns países, marca un importante cambio de estratexia para a empresa dirixida por Mark Zuckerberg, que busca novas vías de ingresos nun contexto de crecente presión regulatoria e cambios nas normas de privacidade en mercados como Europa.

Os novos plans de pago de Meta

Os novos plans reciben o apelativo de Plus, como WhatsApp Plus, do que coñecemos as súas funcionalidades hai unhas semanas. Segundo a información avanzada pola compañía, os prezos nos Estados Unidos partirán de 2,99 € (WhatsApp Plus) e 3,99 € (Facebook Plus e Instagram Plus).

Como curiosidade, e a diferenza do que moitas usuarias poderían esperar, estas subscircións non eliminarán completamente a publicidade. Pola contra, ofrecerán ferramentas adicionais, opcións avanzadas de personalización e outras funcionalidades orientadas a mellorar a experiencia de uso.

O que si, Meta asegura que o acceso básica ás súas aplicacións seguirá sendo gratuíto para todas as usuarias. Haberá que ver como avanza para comprobar como é esta experiencia unha vez estean implantados completamente os novos plans.

WhatsApp Plus apostará pola produtividade

No caso de WhatsApp Plus, como xa vimos, o enfoque estará especialmente orientado á personalización da aplicación e á produtividade.

A compañía asegura que a seguridade continuará sendo unha prioridade absoluta, mantendo o cifrado de extremo a extremo que caracteriza a plataforma.

As novidades estarán relacionadas con funcións avanzadas para a xestión de conversas, personalización da interface e futuras ferramentas impulsadas por intelixencia artificial.

Instagram e Facebook buscan potenciar a creación de contido

No caso de Instagram Plus e Facebook Plus, ambas opcións premium estarán máis dirixidas á creación da experiencia social e creativa.

Así, a compañía prevé ofrecer acceso prioritario a novas funcións, ferramentas avanzadas para creadoras de contido e integración máis profunda coa súa tecnoloxía de intelixencia artificial xerativa.

Este movemento encaixa coa estratexia de Meta para competir con outras grandes tecnolóxicas que están apostando fortemente pola IA, especialmente cando falamos de OpenAI ou Google.

Meta AI tamén terá plans de pago

As novidades non rematan aí. Meta tamén confirmou novas modalidades premium para o seu asistente de intelixencia artificial.

As usuarias poderán escoller entre os plans Meta One Plus, por 7,99 dólares ao mes; ou Meta One Premium que custará 19,99 dólares ao mes. En ambos os casos ofrecerase acceso ás mesmas funcións, mais coa versión premium haberá unha maior capacidade de procesamento e recursos computacionais.

Os primeiros países en recibir estas subscricións son Bolivia, Guatemala e Singapur, aínda que Meta prevé ampliar a dispoñibilidade de maneira progresiva durante os próximos meses.

Dispoñibilidade no noso país

Meta non confirmou aínda unha data oficial para ningún país do continente europeo. Porén, a compañía espera completar o despregamento global “ao longo dos próximos meses”.

Sería previsíbel apuntar a que sexa antes da fin de 2026 o ano no que Instagram, Facebook e WhatsApp deixen de ser aplicacións gratuítas para converterse en plataformas con diferentes niveis de acceso, seguindo o camiño que xa iniciaron servizos como Netflix, Spotify ou YouTube.

Sobre o autor

Reply