Xiaomi lanza a nova Redmi Pad 2 no noso país

Xiaomi vén de reforzar a súa aposta polo segmento das tablets económicas coa chegada da nova Redmi Pad 2, que xa se pode mercar no noso país. A compañía chinesa presenta un dispositivo pensado para quen busca unha pantalla grande para consumo de multimedia ou traballar sen ter que gastar moitos cartos.

Con pantalla de 9,7 polgadas, resolución 2K, batería de longa duración e un prezo que parte dos 159,99 euros, a Redmi Pad 2 aspira a converterse nun dos dispositivos máis atractivos da gama de entrada este verán.

Un tamaño perfecto para o día a día

Un dos principais atractivos da nova Redmi Pad 2 é a súa pantalla LCD de 9,7 polgadas, un formato que busca o equilibrio entre portabilidade e comodidade de uso.

O panel ofrece resolución 2K (2048 x 1280 píxeles), unha densidade de 250 píxeles por polgada e unha taxa de refresco de 120 Hz, unha característica pouco habitual nun dispositivo deste prezo e que permite unha experiencia moito máis fluída ao navegar, xogar ou consumir contido multimedia.

A pantalla acada ademais un brillo máximo de 600 nits, suficiente para utilizala en exteriores, e conta coa certificación TÜV Rheinland, que garante unha menor emisión de luz azul e unha experiencia visual máis cómoda durante longas sesións de uso.

Outro dos puntos fortes desta nova tablet é a súa batería de 7.600 mAh. Segundo Xiaomi, a Redmi Pad 2 é capaz de ofrecer máis de 15 horas de reprodución de vídeo, unha cifra especialmente interesante para viaxes ou, en xeral, para non termos que estar tan pendentes do cargador.

No seu interior atopamos o procesador Snapdragon 6s 4G Gen 2 de Qualcomm, que ofrece un incremento de rendemento dun 34% respecto ao modelo anterior. E, xunto a el, 4 GB de RAM e dúas opcións de memoria: 64 ou 128 GB, que podemos ampliar mediante tarxetas microSD.

En canto ao apartado fotográfico, incorpora unha cámara traseira de 8 MP e unha cámara frontal de 5 MP compatible con desbloqueo facial mediante IA. Un equipamento que, sen destacar, resulta suficiente para videoconferencias.

A tablet chega coa última versión do sistema operativo de Xiaomi, HyperOS 3, baseado en Android, que incorpora novas funcións de conectividade co ecosistema da marca, incluíndo sincronización de chamadas, portapapeis compartido entre dispositivos e unha interface renovada.

A nivel de deseño, Xiaomi aposta por unha construción unibody metálica fabricada en aliaxe de aluminio de alta resistencia, cun grosor de 7,4 mm, facilitando o uso cunha soa man

Dispoñibilidade e prezo da Redmi Pad 2

A nova Redmi Pad 2 xa se pode mercar no noso país, con prezos rebaixados polo lanzamento que a deixan en 159,99 € (versión de 64 GB) ou 179,99 € (128 GB).

Ademais, nesta promoción de lanzamento Xiaomi inclúe tamén dous meses gratuítos de YouTube Premium, unha vantaxe interesante para quen queira aproveitar a tablet durante as vacacións de verán.

Con estas características, Xiaomi sitúa a Redmi Pad 2 como unha das tablets con mellor relación calidade-prezo do mercado, especialmente para quen busque unha pantalla grande para entretemento sen realizar un gran investimento.

Sobre o autor

Reply