O Samsung Galaxy Z Fold8 “Wide” déixase ver por primeira vez

Samsung podería estar preparando o maior cambio na súa familia de smartphones encartábeis desde o lanzamento do primeiro Galaxy Fold. Unha nova filtración amosa por primeira vez en público o que sería o futuro Samsung Galaxy Z Fold8 Wide, un dispositivo que apostaría por un formato máis ancho e unha experiencia de uso máis próxima á dun teléfono convencional.

As imaxes, compartidas polo coñecido filtrador Ice Universe na rede social X, amosan un suposto empregado de Samsung utilizando un prototipo do dispositivo nun restaurante de Corea do Sur. Aínda que o terminal estaba protexido por unha funda especial anti-filtracións, os detalles visíbeis permiten intuír algúns dos cambios máis importantes que chegarían á próxima xeración de pregables da compañía.

Un Galaxy Z Fold máis ancho

Desde a chegada dos primeiros modelos Fold, moitas usuarias coincidiron nun aspecto: a pantalla exterior era demasiado estreita para un uso cómodo no día a día.

Todo apunta a que Samsung escoitou estas críticas. As fotografías filtradas mostran un terminal cunhas proporcións claramente máis amplas que as da actual xeración, algo que podería mellorar notablemente a experiencia ao escribir, navegar por internet ou utilizar aplicacións coa pantalla pechada.

De confirmarse, Samsung apostaría por unha fórmula similar á que xa empregan outros fabricantes chineses, que levan anos explorando formatos máis anchos e equilibrados nos seus dispositivos encartábeis.

Un cambio de nomes que podería sorprender

Outra das informacións máis chamativas das últimas semanas ten que ver coa nomenclatura da gama. Segundo varias filtracións, o dispositivo coñecido ata agora como Galaxy Z Fold8 Wide podería chegar finalmente ao mercado baixo o nome de Galaxy Z Fold8, converténdose no modelo principal da familia.

Pola súa banda, a versión máis tradicional pasaría a chamarse Samsung Galaxy Z Fold8 Ultra, elevando o seu posicionamento dentro do catálogo da marca.

Esta estratexia permitiría a Samsung presentar o novo formato máis ancho como a evolución natural da gama Fold, mentres que a variante Ultra quedaría reservada para usuarias máis esixentes.

Samsung confía no éxito do novo Fold

Se ben polo de agora Samsung non confirmou oficialmente ningún detalle sobre o dispositivo, a coincidencia entre distintas filtracións reforza a idea de que a compañía surcoreana está preparando unha renovación importante para os seus modelos encartábeis, e as previsións internas da compañía tamén apuntan a unha forte aposta por este modelo.

Segundo diversos medios surcoreanos, Samsung planeaba inicialmente fabricar arredor dun millón de unidades do novo Galaxy Z Fold8. Porén, as expectativas positivas xeradas polo dispositivo levarían á compañía a incrementar a produción entre 200.000 e 300.000 unidades adicionais.

Este aumento contrasta coa estratexia prevista para o futuro Samsung Galaxy Z Flip8, cuxa produción inicial sería máis conservadora.

O ano dos encartábeis?

O mercado dos smartphones encartábeis vive un momento decisivo. Mentres fabricantes como Samsung, Huawei, Honor ou Xiaomi compiten por ofrecer dispositivos cada vez máis finos, resistentes e prácticos, as usuarias comezan a ver esta tecnoloxía como unha alternativa real aos móbiles tradicionais.

Co Galaxy Z Fold8, Samsung parece decidida a eliminar unha das principais limitacións dos seus modelos anteriores: o formato estreito da pantalla exterior.

Se as filtracións son correctas, o novo Fold non só será máis grande, senón tamén máis cómodo de utilizar no día a día, un cambio que podería converterse no argumento definitivo para convencer a moitas usuarias de modelos premium a dar o salto ao mundo dos smartphones encartábeis.

Sobre o autor

Reply