Samsung Galaxy Tab A11 Enterprise Edition: un modelo económico para o sector profesional

Samsung ampliou a súa oferta para empresas coa presentación da nova Samsung Galaxy Tab A11 Enterprise Edition, unha versión especialmente deseñada para contornas profesionais que necesitan dispositivos seguros, conectados e fáciles de xestionar a gran escala.

A diferenza das tablets orientadas ao consumo doméstico, este modelo céntrase nas necesidades de sectores como a loxística, o comercio polo miúdo, a sanidade, a educación ou os equipos de traballo en mobilidade.

Unha tablet económica adaptada ao mundo empresarial

A Galaxy Tab A11 Enterprise Edition baséase no mesmo hardware da Galaxy Tab A11 presentada en 2025, mantendo a súa folla de especificacións:

  • Pantalla de 8,7 polgadas con taxa de refresco de 90 Hz.
  • Procesador MediaTek Helio G99.
  • Ata 8 GB de memoria RAM.
  • Ata 128 GB de almacenamento interno.
  • Batería de 5.100 mAh.
  • Cámara integrada para videoconferencias e tarefas documentais.

Porén, o verdadeiro valor desta edición non está no hardware, senón no seu conxunto de ferramentas empresariais, polo que un dos aspectos máis destacados da Galaxy Tab A11 Enterprise Edition é a súa orientación á mobilidade. Así, Samsung ofrec conectividade 5G, permitindo o acceso á información corporativa, aplicacións empresariais ou servizos na nube sen depender dunha conexión WiFi.

Esta característica resulta especialmente útil en campos como a loxística e transporte ou o traballo comercial.

Samsung Knox: seguridade e control centralizado

A seguridade converteuse nun dos elementos máis importantes para as empresas, e Samsung aposta por integrar desde o primeiro momento a súa plataforma Samsung Knox.

Grazas a Knox, os departamentos de tecnoloxía poden xestionar remotamente centos de dispositivos, aplicar políticas de seguridade corporativas, restringir aplicacións ou funcións, bloquear equipos extraviados ou eliminar información de forma remota en caso de perda ou roubo.

Este sistema permite reducir custos de administración e reforzar a protección dos datos empresariais.

Intelixencia artificial con Gemini para mellorar a produtividade

Samsung tamén incorpora acceso a funcións baseadas en Google Gemini, que poden axudar a automatizar determinadas tarefas, organizar fluxos de traballo e mellorar a comunicación entre equipos.

A compañía non detallou todas as capacidades dispoñibles, pero a integración de ferramentas de IA reforza a aposta da marca por levar a intelixencia artificial tamén aos dispositivos profesionais de gama accesible.

Sete anos de actualizacións: unha gran vantaxe para as empresas

Un dos anuncios máis relevantes é o compromiso de Samsung de ofrecer sete xeracións de actualizacións de software para a familia Galaxy Tab A11.

Para as organizacións que adquiren decenas ou centos de dispositivos, esta garantía supón unha importante vantaxe, xa que permite prolongar o ciclo de vida das tablets durante varios anos sen comprometer a seguridade nin a compatibilidade co software máis recente.

Nun mercado onde moitos dispositivos económicos reciben soporte durante períodos moito máis curtos, esta política converte a Galaxy Tab A11 Enterprise Edition nunha proposta especialmente atractiva para empresas e institucións.

Dispoñibilidade

Por agora, a Samsung Galaxy Tab A11 Enterprise Edition está dispoñible para pedidos en Brasil. A compañía aínda non confirmou a súa chegada ao noso país ou a outros mercados internacionais, aínda que Samsung adoita expandir este tipo de dispositivos corporativos a máis rexións unha vez iniciado o seu lanzamento.

Sobre o autor

Reply