Sony WF-1000XM6, os novos auriculares premium que melloran a cancelación de ruído e recuperan o acabado mate

Despois de meses de rumores e filtracións, Sony presentou oficialmente os novos Sony WF-1000XM6, a sexta xeración dos seus auriculares sen fíos máis avanzados. O fabricante xaponés aposta por unha fórmula continuísta, pero introducindo melloras clave en aspectos moi demandados polas usuarias, como unha cancelación de ruído máis eficaz, mellor calidade nas chamadas e un deseño máis práctico.

Coa competencia de modelos premium comos os que ofrecen Apple, Google, Samsung ou Bose, Sony aspira a busca manter a súa posición como unha das referencias no mercado do audio portátil.

O regreso do acabado mate máis solicitado

Un dos cambios máis visibles dos WF-1000XM6 é o abandono do acabado brillante empregado na xeración anterior.

Sony escoitou as críticas das usuarias e recupera unha superficie mate antiescorregadiza que facilita a manipulación dos auriculares e reduce as marcas de dedos. Ademais, o novo deseño é un 11 % máis delgado, mellorando tanto a ergonomía como a comodidade durante o uso prolongado.

Aínda que visualmente a evolución é discreta, os cambios buscan resolver pequenos inconvenientes do modelo anterior sen alterar unha fórmula que xa funcionaba moi ben.

Cancelación de ruído máis avanzada ca nunca

O gran protagonista dos WF-1000XM6 segue sendo a súa cancelación activa de ruído (ANC). Segundo Sony, a nova xeración mellora a capacidade de illamento ata nun 25 % respecto dos WF-1000XM5. Para conseguilo, cada auricular incorpora agora catro micrófonos, sumando un total de oito sensores encargados de analizar constantemente o ruído ambiental.

Esta mellora debería resultar especialmente efectiva en contornas como oficinas, transportes públicos ou cafeterías, onde as voces humanas adoitan ser un dos ruídos máis difíciles de eliminar.

Todo isto está impulsado polo novo procesador QN3e, acompañado do procesador integrado V2, encargado de optimizar tanto o son como a cancelación de ruído en tempo real.

Novo driver para un son máis detallado

No apartado acústico, Sony incorpora unha versión mellorada do seu controlador dinámico de 8,4 milímetros, denominado Dynamic Driver X. O obxectivo é ofrecer graves máis precisos, medios máis definidos e unha reprodución máis natural sen distorsións, mesmo a volumes elevados.

Ademais, os auriculares seguen sendo compatibles con tecnoloxías avanzadas como LDAC para audio de alta resolución por Bluetooth, LC3 para unha maior eficiencia de transmisión, DSEE Extreme para mellorar a calidade de ficheiros comprimidos e a conectividade multipunto para conectar varios dispositivos simultaneamente.

Outro dos apartados que recibe importantes melloras é o das chamadas. Os novos WF-1000XM6 incorporan sensores de condución ósea e algoritmos de intelixencia artificial capaces de illar a voz do usuario incluso en contornas con vento ou ruído ambiental.

Mais non todo son novidades. A autonomía mantense practicamente sen cambios respecto á xeración anterior, ofrecendo ata 8 horas de reprodución continua con ANC activada, ás que se suman 16 horas adicionais grazas ao estoxo de carga.

Prezo e dispoñibilidade

Os novos Sony WF-1000XM6 chegan ao mercado cun prezo recomendado de 299 euros, situándose claramente na gama premium. A boa noticia é que non haberá que esperar para adquirilos, xa que Sony confirmou a súa dispoñibilidade inmediata a través da súa tenda oficial e distribuidores autorizados.

Sobre o autor

Reply