O novo MediaTek Dimensity 7500 leva os 144 Hz á gama media

A competencia no mercado dos procesadores para smartphones segue máis viva ca nunca. Agora, MediaTek acaba de presentar oficialmente o novo Dimensity 7500, un chip deseñado para impulsar a próxima xeración de móbiles de gama media-alta con mellor rendemento, máis eficiencia enerxética e funcións avanzadas de intelixencia artificial.

O novo procesador chega como sucesor do Dimensity 7400 e destaca por ser o primeiro da súa categoría en incorporar os novos núcleos Arm C1, unha arquitectura que promete melloras tanto en potencia como en consumo. Ademais, será capaz de levar pantallas de ata 144 Hz a dispositivos máis accesibles, unha característica que ata hai pouco estaba reservada para modelos premium.

Un salto xeracional na arquitectura

O MediaTek Dimensity 7500 está fabricado mediante o proceso TSMC N4P de 4 nanómetros, apostando por unha configuración de oito núcleos baseada na arquitectura Armv9.3-A, 4 núcleos Arm C1 Pro a 2,6 GHz e outros 4 núcleos Arm C1 Nano a 2,0 GHz

Con esta renovación, MediaTek abandona definitivamente os veteranos Cortex-A78 e Cortex-A55 empregados en xeracións anteriores.

Segundo a compañía, o novo deseño permite mellorar a eficiencia enerxética entre un 5% e un 9% en tarefas habituais, mentres que nos xogos o aforro pode situarse entre o 4% e o 7%.

Máis potencia para a intelixencia artificial

Un dos aspectos nos que MediaTek puxo maior énfase é na IA integrada directamente no dispositivo. O Dimensity 7500 incorpora a nova NPU 850, unha unidade de procesamento neuronal que duplica o rendemento da xeración anterior. Grazas a ela, os fabricantes poderán ofrecer funcións avanzadas sen depender da nube.

Entre elas destacan o recoñecemento de voz en tempo real, a conversión de texto a voz, respostas contextuais automáticas, resumos intelixentes de notificacións e procesamento local de modelos de linguaxe.

Esta aposta encaixa coa tendencia actual do sector, que busca executar cada vez máis tarefas de IA directamente no smartphone para mellorar a privacidade e reducir a latencia.

Outro dos puntos fortes do novo chip é o seu soporte para pantallas de alta frecuencia de actualización. E é que o Dimensity 7500 pode manexar paneis cunha resolución máxima de 1344 x 2800 píxeles e taxas de refresco de ata 144 Hz, permitindo experiencias máis fluídas tanto na navegación como nos videoxogos.

Isto abre a porta a que máis fabricantes incorporen pantallas de alta frecuencia en dispositivos de prezo contido, algo que ata agora era máis habitual nas gamas premium.

Cámaras de ata 200 MPe conectividade

No apartado fotográfico, MediaTek tamén mellora as capacidades do seu novo procesador. Entre as súas características destaca a compatibilidade con sensores de ata 200 MP. A isto súmanse outras como a tecnoloxía DCG de 14 bits para mellorar o rango dinámico, a redución avanzada de ruído, ou a gravación de vídeo en 4K HDR e compatibilidade con Dolby Vision, HDR10 e HDR10+.

Incorpora tamén algunha das tecnoloxías máis recentes para garantir unha experiencia completa en canto a conexión, como 5G UltraSave 3.0+, Wi-Fi 6E ou Bluetooth 5.4. Segundo MediaTek, a tecnoloxía UltraSave 3.0+ pode reducir o consumo enerxético das conexións 5G ata nun 20%, algo especialmente importante nun momento no que a autonomía segue sendo unha das principais preocupacións dos usuarios.

Unha peza clave para a gama media de 2026

O MediaTek Dimensity 7500 está chamado a converterse nun dos procesadores máis importantes da gama media-alta durante os próximos meses. O seu equilibrio entre rendemento, eficiencia, intelixencia artificial e compatibilidade con pantallas de 144 Hz convérteo nunha opción moi atractiva para fabricantes que buscan ofrecer características premium sen elevar demasiado o prezo final.

Marcas como Xiaomi, realme ou vivo poderían estar entre as primeiras en apostar por este chip nos seus próximos lanzamentos. Mentres tanto, MediaTek xa mira máis arriba e prepara o futuro Dimensity 9600, un procesador de 2 nanómetros co que pretende competir directamente cos Snapdragon máis potentes do mercado.

Sobre o autor

Reply