Orange toma o control total de MasOrange tras investir 4.250 millóns

Orange acaba de dar un dos pasos máis importantes da súa historia recente. A multinacional francesa confirmou a compra do 50% de MasOrange que aínda estaba en mans do holding Lorca, participado por varios fondos de investimento, nunha operación valorada en 4.250 millóns de euros en efectivo.

Coa adquisición, Orange pasa a controlar o 100% de MasOrange, reforzando a súa posición como principal operador de telecomunicacións do mercado español.

A operación supón un cambio estratéxico de gran relevancia para o sector, xa que permite ao grupo francés asumir en solitario a dirección da compañía nacida da fusión entre Orange España e MásMóvil, consolidando a súa posición fronte aos seus grandes rivais, Telefónica e Vodafone.

Orange culmina a integración de MasOrange

Para entender a importancia desta compra hai que remontarse a 2024, cando Orange e MásMóvil completaron a creación de MasOrange, unha empresa conxunta participada ao 50% por ambas partes.

Aquel movemento deu lugar ao maior operador de telecomunicacións do estado por número de usuarias. Agora, tras o acordo vinculante asinado en decembro de 2025 e unha vez obtidas todas as autorizacións regulatorias necesarias, incluído o visto bo das autoridades europeas, Orange pecha definitivamente a operación e convértese no único propietario da compañía.

Este paso elimina a estrutura compartida que existía ata o momento e permitirá ao grupo francés tomar decisións estratéxicas con maior rapidez e autonomía.

Un xigante con 26 millóns de clientas

A adquisición reforza notablemente a presenza de Orange no mercado español, que se converte nun dos seus territorios máis importantes a nivel europeo.

A compañía pasa así a controlar unha das infraestruturas de telecomunicacións máis importantes do continente, con presenza en millóns de fogares e empresas.

Agora, a propiedade total de MasOrange permitirá acelerar a integración das operacións, simplificar a toma de decisións e aproveitar mellor as sinerxías industriais, tecnolóxicas e comerciais creadas tras a fusión.

O obxectivo é incrementar a eficiencia operativa e reforzar a capacidade competitiva do grupo nun mercado cada vez máis esixente.

Meinrad Spenger gaña peso dentro de Orange

Outro dos aspectos destacados da operación afecta directamente á estrutura directiva da compañía.

Meinrad Spenger, máximo responsable de MasOrange, intégrase formalmente no Comité Executivo global de Orange en París, unha decisión que reforza o peso da filial española dentro da estratexia internacional do grupo.

Spenger considera que esta nova etapa permitirá impulsar investimentos en innovación, redes e servizos dixitais, consolidando o papel do Estado español como un dos mercados clave para o futuro da compañía.

A fin da marca MasOrange?

Aínda que non existe ningunha decisión oficial, no sector xa comezan a soar rumores sobre unha posible reorganización das marcas do grupo.

Algúns analistas consideran que Orange podería recuperar progresivamente unha identidade corporativa única baixo a marca Orange, simplificando a actual estrutura que integra enseñas como Orange, Yoigo, Pepephone, Jazztel, MásMóvil ou Simyo.

Porén, polo de agora, a compañía non confirmou cambios neste sentido.

Orange tampouco anunciou modificacións nos prezos nin nas condicións comerciais das súas diferentes marcas. As usuarias de Orange, Yoigo, Pepephone, Jazztel, MásMóvil ou R seguirán mantendo os seus servizos nas mesmas condicións actuais.

Tampouco se esperan cambios inmediatos a curto prazo, xa que a prioridade da compañía será culminar a integración operativa e tecnolóxica da nova estrutura.

Sobre o autor

Reply