A innovación xa non é unha opción para as empresas, senón unha necesidade estratéxica. Baixo esta premisa, R celebra este xoves unha nova edición das súas tradicionais Xornadas Tecnolóxicas no Miradoiro de San Pedro da Coruña, un encontro que reunirá expertos de referencia para analizar como a tecnoloxía, a intelixencia artificial e os cambios xeopolíticos están a transformar o panorama empresarial.
Baixo o título “Mentes dixitais”, a edición deste ano pretende ofrecer claves prácticas para que as empresas galegas poidan afrontar con éxito os profundos procesos de cambio que está a vivir a sociedade. O obxectivo é reflexionar sobre como converter a innovación nunha verdadeira vantaxe competitiva nun contexto global cada vez máis complexo e dinámico.
A innovación como motor do progreso
A xornada arrancará coa intervención de Alfredo Ramos, director de R e responsable territorial de MasOrange en Galiza, quen abordará a importancia da innovación como prioridade empresarial. Ramos destacará o papel das redes de última xeración, a computación na nube e a intelixencia artificial como ferramentas fundamentais para impulsar a competitividade das organizacións.
Posteriormente, participará o conselleiro de Facenda da Xunta de Galiza, Miguel Corgos, que achegará a visión institucional sobre os retos económicos e tecnolóxicos que afronta o noso país nos vindeiros anos.
A conferencia de Alberto Ruiz-Gallardón, exministro de Xustiza, ofrecerá unha reflexión sobre a “Redefinición do equilibrio de poder entre países a través da innovación”. Durante a súa intervención abordará cuestións de plena actualidade, como o papel da innovación na soberanía tecnolóxica dos estados, a adaptación das institucións aos novos escenarios internacionais ou os beneficios reais que os avances tecnolóxicos poden achegar á cidadanía.
Nun momento marcado pola competencia global en ámbitos como a intelixencia artificial, os semicondutores ou as telecomunicacións, o relatorio buscará analizar como a innovación se converteu nun factor clave de influencia económica e polííca.
Antonio Ortiz, experto en intelixencia artificial e divulgador especializado en tecnoloxías dixitais, centrará a súa charla en responder a unha das preguntas máis frecuentes no ámbito empresarial. Analizará aspectos como a resistencia ao cambio, a integración de novas ferramentas dixitais nos equipos de traballo ou o papel da IA na toma de decisións empresariais. Tamén abordará o eterno dilema entre utilizar a tecnoloxía para reducir custos ou para crear produtos e servizos de maior valor engadido.
A intelixencia artificial, protagonista da edición 2026
A IA terá un papel destacado nesta edición das Xornadas Tecnolóxicas de R, nun momento no que a súa adopción está a acelerar a transformación de empresas e administracións públicas.
Os relatorios buscarán ofrecer unha visión práctica e realista sobre o impacto destas ferramentas, afastándose das promesas teóricas para centrarse nos resultados concretos que xa están a obter as organizacións que apostan pola innovación.
Entrega do III Premio aleluIA
Como broche final ao evento, entregarase o III Premio aleluIA, un recoñecemento creado por R en 2024 para distinguir proxectos que destacan pola súa creatividade e polo uso innovador da tecnoloxía.
O galardón premia iniciativas capaces de aplicar a innovación de maneira efectiva para resolver problemas reais e xerar valor, converténdose xa nunha das referencias galegas no ámbito da transformación dixital.
Un encontro clave para o empresariado galego
As Xornadas Tecnolóxicas de R consolídanse un ano máis como un dos principais foros de reflexión sobre innovación e tecnoloxía en Galiza. Nun escenario marcado pola transformación dixital, a irrupción da intelixencia artificial e os cambios xeopolíticos globais, o encontro busca ofrecer ferramentas e coñecemento para que as empresas poidan afrontar os desafíos do futuro con maiores garantías.
