Novos OPPO Enco Air5s: os primeiros auriculares semi-in-ear da marca con cancelación activa de ruído chegan por 79 euros

OPPO vén de ampliar o seu catálogo de audio no noso país coa presentación dos novos OPPO Enco Air5s, os primeiros auriculares semi-in-ear da compañía que incorporan cancelación activa de ruído (ANC). O novo modelo aposta por combinar a comodidade dun deseño aberto e ultralixeiro coa tecnoloxía necesaria para ofrecer unha experiencia de son máis inmersiva, ademais de integrar funcións baseadas en intelixencia artificial.

Cancelación activa de ruído nun deseño semi-in-ear

Un dos aspectos máis destacados dos OPPO Enco Air5s é que conseguen levar a cancelación activa de ruído a un formato semi-in-ear, tradicionalmente máis difícil de illar do ruído exterior debido ao seu deseño aberto.

Para conseguilo, OPPO desenvolveu un sistema de cancelación adaptativa en tempo real, capaz de analizar continuamente o ruído ambiental, a forma do oído e a posición dos auriculares para axustar automaticamente a intensidade da redución de ruído.

A compañía asegura que este sistema funciona cunha frecuencia de mostraxe de 800 kHz, permitindo reaccionar con maior rapidez aos cambios do contorno e mellorando a experiencia tanto en oficinas como en cafeterías, transporte público ou durante o descanso.

Ademais, inclúe un sistema específico de cancelación das voces próximas, pensado para reducir as conversacións doutras persoas e facilitar unha escoita máis cómoda.

Deseño ultralixeiro para usar durante horas

Os novos Enco Air5s destacan tamén polo seu peso. Cada auricular pesa só 3,9 gramos, o que os converte nunha opción especialmente cómoda para longas sesións de uso.

O seu deseño ergonómico semi-in-ear adapta mellor a peza ao oído, reducindo a presión e mellorando o confort sen necesidade de recorrer ás clásicas almofadas de silicona.

No apartado estético, OPPO emprega un acabado brillante desenvolvido coa tecnoloxía Excimer, dispoñible nas cores Lunar White e Starlight Purple.

Son de alta calidade cun alto nivel de personalización

No interior atopamos un controlador dinámico personalizado de 12 mm, acompañado dunha cámara acústica deseñada para ofrecer graves máis profundos, voces claras e agudos definidos.

Os auriculares tamén incorporan ecualizador personalizable de 10 bandas, mellora adaptativa do son segundo o axuste no oído e optimización automática das diferentes frecuencias para conseguir unha reprodución máis equilibrada. Todo isto permite adaptar o perfil sonoro aos gustos de cada usuaria

Os Enco Air5s estrean tamén Bluetooth 6.0, ofrecendo unha conexión máis estable e eficiente, permitindo ademais a conexión simultánea con dous dispositivos.

Tamén ofrece outras funcións interesantes, como o control dovolume mediante xestos deslizantes, accceso rápido ao asistente de voz, compatibilidade con Spotify mediante xestos e tradución cara a cara mediante intelixencia artificial, pensada para facilitar conversacións noutros idiomas ou reunións internacionais.

Outro dos seus puntos fortes é a batería. Segundo OPPO, os Enco Air5s alcanzan ata 48 horas de autonomía total empregando o estoxo de carga. Ademais, a batería conserva máis do 80 % da súa capacidade tras 1.000 ciclos de carga, unha cifra avalada pola certificación TÜV Rheinland, que garante unha boa durabilidade a longo prazo.

Prezo e dispoñibilidade

Os novos OPPO Enco Air5s xa están dispoñibles na tenda oficial de OPPO en España cun prezo recomendado de 79 euros.

Con esta proposta, OPPO busca competir no segmento dos auriculares sen fíos de gama media-premium ofrecendo unha combinación pouco habitual: un deseño semi-in-ear ultralixeiro, cancelación activa de ruído, funcións baseadas en IA e unha autonomía moi destacable sen disparar o prezo.

Sobre o autor

Reply