Tras tempo sen anunciar importantes novidades tecnolóxicas,Vodafone vén de confirmar os seus plans para ofrecer cobertura móbil vía satélite aos clientes no Estado español, un movemento co que se suma á carreira pola conectividade “Direct to Device” (D2D), a tecnoloxía que permitirá que os teléfonos móbiles se conecten directamente a satélites sen necesidade de antenas externas nin dispositivos especiais.
O obxectivo desta tecnoloxía é resolver un dos grandes problemas das telecomunicacións: as zonas sen cobertura móbil convencional. Grazas aos satélites en órbita baixa (LEO), un smartphone estándar poderá enviar e recibir comunicacións mesmo en lugares remotos, estradas, montañas ou áreas rurais onde non chegue a rede terrestre.
VodafoneSAT: o proxecto para levar a rede ao espazo
O operador, en mans de Zegona, bautizou esta iniciativa como VodafoneSAT. A tecnoloxía permitirá que calquera smartphone compatible se conecte directamente aos satélites, sen cambiar de SIM nin engadir accesorios.
Trátase dun enfoque diferente ao de MasOrange, que apostou por Starlink para desenvolver a súa futura cobertura móbil por satélite en España.
A compañía prevé que o servizo poida chegar ao mercado a partir de 2027, aínda que antes será necesario superar varios trámites regulatorios. En concreto, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) deberá autorizar o uso do espectro radioeléctrico necesario para este tipo de comunicacións.
Vodafone sinala ademais que conta con espectro de banda baixa liberado tras o apagado do 3G, o que lle permite avanzar nas probas e no desenvolvemento de novos servizos.
A operadora deixa aberta a porta a usos anticipados en situacións excepcionais ou de emerxencia, algo especialmente relevante en escenarios de catástrofes naturais ou fallos das redes terrestres.
A batalla das telecos pasa polo satélite
Con este anuncio, Vodafone, Telefónica e MasOrange xa teñen definida a súa estratexia de conectividade satelital, unha tecnoloxía chamada a converterse nun dos grandes cambios das telecomunicacións durante os próximos anos.
O que ata hai pouco parecía ciencia ficción está cada vez máis preto de facerse realidade. Agora só falta saber o que custará este servizo premium.
