Novo SPC WILD COOL: un móbil sen Internet pensado para desconectar

SPC vén de presentar o novo SPC WILD COOL, un teléfono móbil 4G que recupera a esencia da comunicación: chamar, recibir chamadas e estar localizable. Sen acceso a internet, redes sociais nin aplicacións, este dispositivo nace como unha alternativa para quen busca reducir as distraccións dixitais e como unha opción segura para os máis pequenos da casa.

Co aumento das preocupacións polo uso excesivo do smartphone, especialmente entre as crianzas e adolescentes, este novo terminal aposta por unha tecnoloxía máis sinxela e consciente, cun prezo de só 49,90 euros.

Un móbil básico para comunicar, non para distraer

O novo SPC WILD COOL prescinde completamente do acceso a internet. Non hai navegador, redes sociais nin plataformas de vídeo. A súa función é simplemente permitir realizar chamadas e enviar ou recibir comunicacións sen as constantes interrupcións que caracterizan aos smartphones actuais.

Esta filosofía convérteo nunha opción especialmente interesante para dous tipos de usuarias, como o primeiro móbil das pequenas da casa, ou persoas adultas que buscan desconectar da hiperconectividade durante as vacacións ou no seu día a día.

Segundo apunta SPC, cada vez máis familias prefiren introducir aos menores no uso do teléfono móbil cun dispositivo que permita manter o contacto sen expoñelos desde o primeiro momento ao ecosistema das redes sociais.

Chamadas en alta definición e até 10 días de autonomía

A pesar do seu enfoque básico, o WILD COOL incorpora características propias de dispositivos moito máis avanzados. Conta con conectividade 4G compatible con VoLTE, permitindo realizar chamadas en alta definición cunha mellor calidade de voz.

Ademais, integra un dobre micrófono, un deles dedicado á redución do ruído ambiental para mellorar as conversacións incluso en exteriores ou ambientes con moito movemento.

Outro dos seus puntos fortes é a autonomía. Grazas á súa batería de 1.150 mAh, SPC promete ata 10 días de uso medio, evitando ter que cargar o dispositivo constantemente.

A compañía tampocuo esqueceu algunhas funcións clásicas que continúan sendo útiles, como radio FM, lanterna integrada, calendario e alarmas e Bluetooth 5.0 para auriculares sen fíos.

Smart Help: asistencia remota para familiares

Un dos elementos máis interesantes do SPC WILD COOL é a compatibilidade coa plataforma Smart Help, unha serie de funcións deseñadas para facilitar a asistencia remota por parte de familiares.

Entre as opcións dispoñibles inclúense:

  • Engadir contactos á axenda a distancia.
  • Recibir avisos cando a batería está baixa.
  • Notificacións se hai chamadas perdidas acumuladas.
  • Alertas cando o teléfono leva moito tempo sen utilizarse.
  • Incremento automático do volume das chamadas cando unha primeira chamada non foi respondida.

Estas funcións resultan especialmente útiles para persoas maiores ou usuarias pouco afeitas á tecnoloxía.

Prezo e dispoñibilidade

O SPC WILD COOL xa está dispoñible cun prezo recomendado de 49,90 euros. Pode adquirirse en dúas cores, Dark Matter e Mint.

Con este lanzamento, SPC quere reforzar a súa aposta por unha tecnoloxía máis humana, demostrando que un teléfono móbil non necesita conexión permanente a internet para cumprir coa súa función principal: manter ás persoas comunicadas de forma sinxela, segura e sen distraccións.

Sobre o autor

Reply