Novo nubia Air Pro, un móbil ultrafino de menos de 6 mm con batería de 5.000 mAh e pantalla AMOLED de 144 Hz

ZTE anunciou recentemente a chegada do novo nubia Air Pro, un smartphone que aposta por romper cos estándares do mercado ao combinar un deseño extremadamente fino cunha batería de gran capacidade, certificacións de resistencia de nivel industrial e unha pantalla AMOLED de altas prestacións.

O gran atractivo do nubia Air Pro é o seu deseño. Cun grosor de só 5,99 milímetros e un peso de 172 gramos, sitúase entre os smartphones máis delgados e lixeiros do mercado, sen sacrificar a batería.

Para conseguilo, ZTE emprega unha batería de silicio-carbono de 5.000 mAh, unha tecnoloxía que ofrece unha maior densidade enerxética e permite manter unha elevada autonomía nun corpo especialmente compacto.

O terminal tamén incorpora carga rápida de 45 W, con función bypass charging (que alimenta directamente o teléfono desde o cargador para reducir a temperatura durante sesións intensivas, como xogos) e carga inversa de 10 W, útil para recargar auriculares, reloxos intelixentes ou outros dispositivos.

Resistencia de nivel industrial

A pesar do seu reducido grosor, o novo smartphone de nubia presume dunha resistencia pouco habitual nesta categoría.

Conta coas certificacións IP68, IP69 e IP69K, que garanten protección fronte ao po, inmersión na auga e chorros de alta presión e temperatura.

Ademais, integra marco metálico de aluminio, con reforzos estruturais nas esquinas e cristal frontal reforzado. Esta combinación convérteo nun dispositivo pensado tanto para o uso diario como para actividades deportivas ou ao aire libre.

Pantalla AMOLED e MediaTek Dimensity 7100

Outro dos puntos fortes do nubia Air Pro é a súa pantalla.

O teléfono incorpora un panel AMOLED de 6,77 polgadas con resolución Full HD+, unha taxa de refresco de 144 Hz e un brillo máximo de ata 4.500 nits, pensado para ofrecer boa visibilidade incluso en exteriores.

Entre as súas características destacan unha frecuencia PWM de 3.840 Hz, que reduce a fatiga visual, cun aproveitamento frontal do 95,4 %.

No apartado técnico, o dispositivo monta o procesador MediaTek Dimensity 7100 de oito núcleos, fabricado en 6 nanómetros.

Chega acompañado de 8 GB de RAM (ampliables virtualmente ata 20 GB), 512 GB de almacenamento interno e Android 16 con capa MyOS 16 como sistema operativo.

Entre as funcións exclusivas inclúe ferramentas baseadas en intelixencia artificial como AI Pet, ademais dun modo específico para actividades deportivas.

Cámara principal de 108 MP

No apartado fotográfico, o nubia Air Pro incorpora unha cámara principal de 108 megapíxeles integrada no sistema Neovision AI Photography, deseñado para mellorar especialmente as fotografías en movemento. Acompáñaa unha cámara frontal de 32 MP.

Entre as opcións de software temos o Modo Quick Snapshot para capturas rápidas; Sport Mode, orientado aos usuarios máis activos; e un Modo de fotografía submarina, que permite facer fotos e vídeos baixo a auga utilizando unicamente os botóns físicos.

Un móbil pensado tamén para o deporte

Un dos elementos diferenciais do terminal é o One-Tap Sports Mode, un modo que transforma a interface para ofrecer acceso rápido a estatísticas deportivas, mapas, música e ferramentas para actividades ao aire libre.

Segundo ZTE, esta función busca ofrecer unha experiencia máis cómoda aos usuarios que practican deporte ou pasan moito tempo no exterior.

Prezo e dispoñibilidade do nubia Air Pro

O nubia Air Pro chega ao mercado durante esta primeira quincena de xullo, estando dispoñible nas cores branca (Aero White) e negra (Prime Black)

A súa única configuración ten un prezo recomendado de 449 euros, e poderá adquirirse a través de Amazon, AliExpress, Miravia e tendas especializadas.

Co lanzamento deste modelo, nubia reforza a súa presenza na gama media-alta cun smartphone que aposta por un equilibrio pouco habitual entre deseño ultrafino, autonomía, resistencia e prestacións multimedia.

Sobre o autor

Reply