Digi acelera o despregamento da súa rede móbil e xa roza as 1.500 antenas propias

Digi continúa dando pasos para converterse nun operador móbil con infraestrutura propia. A compañía xa conta con preto de 1.500 antenas despregadas por todo o territorio do Estado, unha cifra que supón un importante avance cara ao seu obxectivo de acadar as 5.000 estacións base en 2028 e reducir progresivamente a súa dependencia da rede de Movistar.

Máis de 500 novas antenas en apenas tres meses

O crecemento da rede de Digi está a ser especialmente rápido durante este ano. A comezos de febreiro de 2026, a operadora dispuña de algo máis de 700 antenas repartidas polas distincias provincias do Estado. Poucos meses despois, ao peche de marzo, xa superaba as 900 estacións base.

Agora, segundo os datos públicos do mapa interactivo AntenasMoviles, Digi xa suma 1.473 antenas, o que significa que incorporou máis de 500 novas infraestruturas nun prazo aproximado de tres meses.

Un despregamento que chega a todo o Estado

As novas antenas distribúense por practicamente toda a xeografía española, tamén en Galiza. Porén, actualmente, boa parte das súas usuarias continúan utilizando a cobertura de Movistar, grazas ao acordo asinado entre ambas compañías en xaneiro de 2025.

Ese contrato, cunha duración de 16 anos, contempla servizos que inclúen roamign nacional e compartición da rede de acceso radio (RAN sharing). Con isto, Digi garante cobertura a toda a súa clientela.

Segundo tiña avanzado, o seu obxectivo sería ter 5.000 antenas activas en 2028, e 10.000 a longo prazo. Se se mantén o ritmo actual de despregamento, a compañía podería cumprir os seus fitos antes do previsto.

Sobre o autor

No Responses

Reply