O2 multiplica por dez a súa almacenaxe na nube: 10 TB incluídos gratis para toda a súa clientela

As usuarias de calquera tarifa móbil de O2 teñen desde finais de xuño un novo motivo para mirar con outros ollos a súa tarifa. A operadora multiplicou por dez a capacidade de almacenamento incluída no seu servizo O2 Cloud, que pasa de ofrecer 1 TB a 10 TB na nube sen pagar un extra.

A mellora supón un salto moi importante para un servizo facendo que calquera usuaria da compañía que teña unha liña móbil da operadora, con ou sen fibra, poida acceder aos 10 TB de almacenamento incluídos no seu plan.

10 TB na nube incluídos coa tarifa de O2

A capacidade de 10 TB (1.000 GB) resulta especialmente destacable se a comparamos co espazo gratuíto que ofrecen de serie as principais tecnolóxicas. Google ofrece 15 GB, mentres que Apple e Microsoft quedan en 5 GB nos seus servizos básicos.

O2 Cloud ofrece agora unha capacidade moi superior sen necesidade de contratar unha subscrición adicional. A compañía segue así o camiño iniciado anteriormente por Movistar Cloud, un servizo que chegou a ofrecer capacidade de almacenamento ilimitada, e amplía considerablemente a proposta de O2 Cloud.

En comparación con algunhas das principais alternativas de pago, a capacidade tamén resulta moi competitiva:

ServizoCapacidadePrezo mensual
O2 Cloud10 TBIncluído coa tarifa de O2
Apple iCloud+6 TB29,99 €
Google One5 TB21,99 €
Microsoft 365 Familia6 TB13 €
Dropbox3 TB12 €

A comparación, iso si, ten que ser matizada, xa que servizos como Google One, iCloud+ ou Microsoft 365 inclúen tamén outras ferramentas de produtividade, seguridade ou intelixencia artificial. Con todo, para quen simplemente busca un espazo enorme para gardar fotografías, vídeos e documentos, a proposta de O2 resulta especialmente atractiva.

Unha alternativa para facer copias de seguridade das fotos

O2 Cloud está pensado, en boa medida, como unha alternativa a servizos como Google Photos, iCloud ou Dropbox. Ofrece unha aplicación que as usuarias poden instalar en Android ou iOS, e configurar a copia automática das fotografías e vídeos que se fan no teléfono.

O servizo tamén permite acceder aos ficheiros desde un navegador web e organizar o contido mediante cartafoles e álbums personalizados, por exemplo para separar fotografías por viaxes, eventos ou localizacións.

E se o desexamos, podemos instalar unha ferramenta de escritorio (Windows ou macOS) grazas á cal os ficheiros gardados no cartafol correspondente poden sincronizarse automaticamente coa nube. Así, os 10 TB poden utilizarse tamén para gardar documentos, fotografías, vídeos ou outros arquivos persoais.

A plataforma inclúe ademais un editor de imaxes básico, con filtros e algunhas ferramentas sinxelas para facer pequenos axustes sen necesidade de recorrer a aplicacións externas.

O gran inconveniente: se marchas de O2, perdes o acceso

Aínda que O2 non ten permanencia, hai un aspecto importante que as usuarias deben ter en conta: O2 Cloud está vinculado á condición de cliente da operadora. No caso de darse de baixa de O2, deixarase de ter acceso ao servizo.

A compañía ofrece, iso si, un prazo de 30 días para descargar os ficheiros antes de que sexan eliminados.

Por tanto, quen abandone a operadora deberá asegurarse de recuperar as súas fotografías, vídeos e documentos durante ese período e trasladalos a outro servizo ou almacenalos localmente.

Sobre o autor

Reply