R e MasOrange reforzan a súa rede móbil en Galicia con preto de 400 intervencións para o verán

O verán trae consigo máis desprazamentos, máis concentración de persoas nas zonas costeiras e un aumento considerable do consumo de datos móbiles. Para facer fronte a este incremento da demanda, R e MasOrange realizaron preto de 400 intervencións na súa rede móbil en Galiza, con actuacións destinadas a garantir a mellor conectividade durante a tempada estival.

Os traballos desenvolvéronse en ata 217 concellos galegos nos que a poboación aumenta de forma significativa durante os meses de verán, especialmente en concellos costeiros, destinos turísticos e zonas con praias, portos, áreas recreativas e outros puntos de elevada afluencia.

Máis capacidade e mellor cobertura 4G e 5G

As actuacións realizadas nos últimos meses sobre as redes 4G e 5G de R e MasOrange tiveron como principal obxectivo incrementar a capacidade dispoñible e mellorar a cobertura efectiva, especialmente en interiores e en zonas nas que a demanda de conectividade aumenta de maneira considerable durante o verán.

Entre os traballos realizados están a optimización de estacións base e antenas, a densificación da rede e a incorporación de novas capas de frecuencia para mellorar a transmisión do sinal. Todo isto, asegura a compañía, permite absorber o aumento do tráfico de datos mantendo a calidade, velocidade e estabilidade da conexión mesmo nos momentos de maior demanda.

Ademais, R asegura que a rede 5G ten neste contexto un papel cada vez máis importante. A operadora presume dunha cobertura que chega a máis do 97 % da poboación galega, se ben a xeración anterior (4G) continúa sendo fundamental para garantir a continuidade do servizo en todo o territorio.

A infraestrutura estival de MasOrange en Galicia alcanza xa preto de 1.100 nodos de rede repartidos por 217 concellos considerados de alto tráfico durante o verán. Estes nodos permiten enviar, recibir ou redirixir información e son fundamentais para xestionar o incremento temporal da demanda.

Sobre o autor

No Responses

Reply