Como vén sendo habitual nos últimos anos, Samsung aproveitou o verán para renovar a súa aposta polos teléfonos encartábeis. E fíxoo presentando unha nova xeración de modelos moi diferentes. Os novos Samsung Galaxy Z Fold8 Ultra, Galaxy Z Fold8 e Galaxy Z Flip8 representan tres formas distintas de entender un smartphone deste tipo.
A nova familia Galaxy Z chega cunha aposta clara pola evolución do hardware, pero tamén por unha Galaxy AI máis proactiva, contextual e integrada na experiencia diaria. Samsung asegura que os novos dispositivos foron deseñados a partir da experiencia acumulada tras sete xeracións de teléfonos e das opinións recollidas das usuarias
Galaxy Z Fold8: a gran novidade de formato
O novo Galaxy Z Fold8 representa unha evolución importante dentro da familia Fold. Samsung redeseñou o formato para que o dispositivo resulte cómodo tanto cando está pechado como cando se desprega para ofrecer unha experiencia máis inmersiva.
Cando está pechado, a pantalla exterior ofrece unha relación de aspecto 10:16, pensada para tarefas habituais como responder mensaxes, consultar redes sociais ou navegar. Ao despregalo, a pantalla principal adopta unha relación 4:3 con até 3.000 nits de brillo, que resulta especialmente interesante para ver películas, xogar ou ler. En posición horizontal, este formato tamén facilita a lectura de artigos, libros electrónicos e contidos longos.

Unha das grandes novidades da nova xeración de plegables de Samsung está na tecnoloxía Flex Titanium. Esta estrutura combina unha película de aliaxe de titanio cunha placa de titanio mellorada para reforzar a pantalla e axudala a resistir mellor a presión e os impactos. A compañía tamén asegura que esta tecnoloxía contribúe a reducir a visibilidade do pliegue co paso do tempo e permite mellorar o movemento de apertura do dispositivo.
O Galaxy Z Fold8 incorpora dúas cámaras de 50 megapíxeles, unha gran angular e outra ultra gran angular, para manter un elevado nivel de detalle en diferentes escenarios. Entre as súas funcións destaca a Grabación dual, que permite gravar simultaneamente desde ambos os lados do dispositivo e visualizarse na pantalla exterior. Tamén incorpora My FanCam, capaz de seguir automaticamente o suxeito seleccionado e adaptar o encadre ao formato escollido.

No interior atópase o procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5 for Galaxy, acompañado dunha batería de 4.800 mAh, e configurable con diversas opcións de memoria.
Por último, cómpre destacar que o teléfono pesa só 201 gramos, converténdose no Galaxy Z Fold máis lixeiro fabricado pola compañía ata a data.
Galaxy Z Fold8 Ultra: o máis potente
Por primeira vez, Samsung leva a súa filosofía Ultra, reservada até o de agora á serie S, ao formato plegable co novo Galaxy Z Fold8 Ultra. O resultado é o modelo máis avanzado da nova familia e un dispositivo deseñado especialmente para a produtividade, a creación de contido e as usuarias máis esixentes.
O Galaxy Z Fold8 Ultra conta cunha enorme pantalla interior de 8 polgadas, que ofrece un espazo de traballo especialmente amplo para a multitarefa. Ademais, é o Galaxy Z Fold máis fino da historia, con só 4,1 mm de grosor cando está despregado e un peso de 215 gramos.
O apartado fotográfico é un dos grandes argumentos do modelo Ultra. O sistema de cámaras está encabezado por un sensor principal de 200 megapíxeles, agora con soporte para HDR no modo de máxima resolución. Acompáñao unha cámara ultra gran angular de 50 MP, especialmente útil para paisaxes, interiores, fotografías de grupo e fotografía macro, ademais dun teleobxectivo de 10 MP.
O dispositivo tamén mellora a fotografía nocturna e permite gravar vídeo en 8K utilizando o códec APV, pensado para ofrecer maior flexibilidade nos fluxos de edición profesional.
Para as creadoras de contido, Samsung incorpora tamén Cine LUT, unha ferramenta que permite aplicar controis cinematográficos de cor e tonalidade directamente desde o teléfono.
O Galaxy Z Fold8 Ultra equipa tamén o Snapdragon 8 Elite Gen 5 for Galaxy e conta cunha batería de 5.000 mAh. A carga rápida de 45 W emprega unha nova arquitectura de carga de dobre vía para distribuír a enerxía de maneira máis eficiente. Ademais, Samsung mellora o sistema de disipación térmica mediante unha estrutura de grafito ampliada.
A combinación de pantalla de gran formato, potencia e mellor xestión térmica converte o Fold8 Ultra nunha especie de estación de traballo de peto.
Galaxy Z Flip8: o máis compacto
O terceiro integrante da familia é o Samsung Galaxy Z Flip8, pensado para aquelas usuarias que buscan un teléfono máis compacto e fácil de levar. Con 180 gramos de peso e só 6,1 mm de grosor, é o Galaxy Z Flip máis fino e lixeiro fabricado por Samsung.
O gran protagonista volve ser a FlexWindow, a pantalla exterior que agora se converte nunha interface máis completa e integrada coa intelixencia artificial. Desde ela é posible consultar información, acceder a aplicacións e realizar determinadas accións sen necesidade de abrir o teléfono. Ademais, Now Brief mostra información relevante sobre a rutina diaria de cada usuaria e pode ofrecer recomendacións adaptadas ao contexto.
O Galaxy Z Flip8 tamén permite activar funcións de automatización impulsadas por Gemini Intelligence mediante a tecla lateral ou comandos de voz.
En canto á fotografía, o Galaxy Z Flip8 aposta por sacar partido á súa propia forma de abrirse e dobrarse para ofrecer novas posibilidades fotográficas. A cámara principal de 50 MP, acompañada do procesador ProVisual Engine, está pensada para capturar retratos con maior detalle, tons de pel naturais e efecto bokeh dinámico.
O Flex Mode permite utilizar o teléfono en diferentes ángulos para facer fotografías e vídeos sen necesidade de trípode. Ademais, o novo Camcorder Grip con Zoom Rocker facilita a gravación de vídeo en movemento.

A función Super Steady, agora con Horizontal Lock, axuda a manter os vídeos estables e correctamente encadrados.
Por outra banda, FlipShot permite personalizar a FlexWindow e crear selfies fronte ao espello, mentres que a función de espello na pantalla exterior facilita comprobar rapidamente o aspecto antes de facer unha fotografía.
Galaxy AI dá un novo paso cara a unha IA máis autónoma
A intelixencia artificial é outro dos grandes eixos da nova serie Galaxy Z. Samsung quere que Galaxy AI deixe de ser simplemente un conxunto de ferramentas independentes para converterse nun asistente máis contextual e capaz de anticiparse ás necesidades do usuario.
Entre as novidades destaca Now Brief, que ofrece información personalizada en función das rutinas, intereses e necesidades diarias.
Tamén chega Now Nudge, unha función capaz de detectar posibles seguintes pasos nunha conversación. Por exemplo, se nun chat se está a falar dun lugar ou dun plan, a IA pode suxerir consultar a axenda, localizar un sitio ou gardar unha localización.
Pola súa banda, Gemini Intelligence permite describir mediante texto ou voz o que se necesita e automatizar accións entre aplicacións. Samsung asegura que estas funcións son compatibles con máis de 40 aplicacións e servizos.
Outra das novidades é Gemini Notebook, que permite reunir notas, imaxes, gravacións, ficheiros e documentos nun único espazo para organizar ideas e crear resumos, informes, infografías ou documentos.
Privacidade e seguridade como parte central da IA
Samsung tamén reforza a seguridade da información persoal. A nova xeración Galaxy Z integra as diferentes capas de protección de Samsung Knox, incluíndo o procesamento de datos no propio dispositivo e sistemas de almacenamento cifrado.
A compañía tamén incorpora un novo panel de Actividade do asistente de IA, que permite revisar desde un único lugar as automatizacións realizadas pola intelixencia artificial. Deste xeito, as usuarias poden saber que accións se executaron, acceder ao axente correspondente e modificar os axustes cando sexa necesario.
A serie tamén incorpora novas alertas de privacidade que poden advertir sobre posibles riscos, como intentos innecesarios de acceso a determinados permisos en segundo plano.
Tres formas de entender o futuro
Coa nova familia Galaxy Z, Samsung abandona a idea de que todos os encartábeis deben responder ao mesmo perfil de usuaria, introducindo unha terceira opción. Así, a gama queda estruturada do seguinte xeito:
- O Galaxy Z Fold8 Ultra aposta pola máxima produtividade e a creación de contido profesional.
- O Galaxy Z Fold8 busca ofrecer unha experiencia máis inmersiva para consumir contido, ler, xogar e descubrir.
- E o Galaxy Z Flip8 céntrase na portabilidade, a expresión persoal e as interaccións rápidas grazas á FlexWindow.
A compañía inicia así unha nova etapa para os seus teléfonos plegables, cunha gama máis ampla e unha integración moito máis profunda da intelixencia artificial.
Os novos Samsung Galaxy Z Fold8 Ultra, Galaxy Z Fold8 e Galaxy Z Flip8 comezan o seu período de reserva en mercados seleccionados, incluíd no noso país. Todos os modelos estarán dispoñibles en diferentes cores, con opcións exclusivas para a tenda en liña de Samsung.

Ademais, as usuarias poderán acceder a unha proba gratuíta de seis meses de Google AI Pro, que inclúe 5 TB de almacenamento na nube e acceso a funcións avanzadas de intelixencia artificial.
Samsung tamén facilita o cambio desde outros dispositivos grazas a unha versión renovada de Smart Switch, que permite transferir máis tipos de datos, incluíndo contrasinais, claves de acceso, historial de chamadas e datos da eSIM.
Por último, a compañía ofrecerá tamén vantaxes a través de Samsung Care+, con cobertura fronte a danos accidentais e outras opcións de protección para os novos teléfonos plegables.
