Nova Garmin CIRQA Smart Band, a pulsera intelixente sen pantalla que quere competir con Whoop

Garmin quere facerse un oco nun dos segmentos que máis está a medrar no mercado das pulseras intelixentes sen pantalla. A compañía acaba de presentar a Garmin CIRQA Smart Band, unha proposta minimalista que prescinde completamente da pantalla para centrarse na monitorización continua da saúde, o benestar e o rendemento deportivo.

O seu obxectivo é competir con dispositivos como Whoop ou a nova Google Fitbit Air, pero cunha diferenza importante: a CIRQA non esixe unha subscrición mensual para acceder ás súas funcións principais.

Unha pulsera intelixente deseñada para esquecerse dela

A Garmin CIRQA Smart Band aposta por un concepto diferente ao dos reloxos intelixentes tradicionais. Non ten pantalla, non amosa notificacións e non pretende converterse nunha extensión do teléfono móbil. A súa misión é tela posta durante todo o día para recompilar datos e amosar posteriormente toda a información a través da aplicación Garmin Connect.

A pulsera pode utilizarse tanto no pulso como no brazo e conta cunha correa de tecido deseñada para resultar cómoda durante longos períodos de uso, mesmo o descanso nocturno.

Ao eliminar a pantalla, Garmin consegue ademais reducir o consumo enerxético, ofrecendo ata 10 días de autonomía, unha cifra que permite pasar longos períodos sen preocuparse por buscar o cargador. É, en definitiva, un dispositivo pensado para funcionar en segundo plano.

Monitorización avanzada da saúde sen pagar unha subscrición

No interior da Garmin CIRQA Smart Band atópase un completo conxunto de sensores para controlar diferentes parámetros relacionados coa saúde e o benestar. Toda a información recollida sincronízase coa aplicación Garmin Connect, onde as usuarias poden consultar a evolución das súas métricas e obter unha visión máis completa do seu estado físico.

Entre as principais funcións atópanse Body Battery, que calcula os niveis de enerxía do corpo ao longo do día, ou Puntuación de Sono, para analizar a calidade do descanso.

Por suposto, tamén ofrece detección automática de sestas, seguimento do ritmo circadiano, monitorización da respiración durante o sono e medición da variabilidade da frecuencia cardíaca. Ademais inclúe control das variacións da temperatura da pel, pulsioxímetro para controlar a saturación de osíxeno no sangue e alertas ante frecuencias cardíacas anómalas.

A combinación destas métricas permite que o dispositivo non se limite a contar pasos ou rexistrar exercicios, senón que tente ofrecer unha visión máis global do estado da usuaria

A Garmin CIRQA tamén incorpora ferramentas específicas para o seguimento da saúde feminina. O dispositivo permite monitorizar o ciclo menstrual e o embarazo e é compatible coa aplicación anticonceptiva Natural Cycles, utilizando a información relacionada coa temperatura corporal. Esta integración permite ampliar as posibilidades de uso da pulseira máis aló do seguimento deportivo tradicional.

Máis de 80 deportes e métricas avanzadas para adestrar

A ausencia dunha pantalla non significa que a Garmin CIRQA Smart Band sexa un dispositivo limitado para as deportistas. A pulseira pode detectar automaticamente actividades como camiñar ou correr e mellora progresivamente a súa capacidade para identificar diferentes tipos de movemento.

Para iniciar manualmente un adestramento, a usuaria pode premer o único botón físico da pulsera ou comezar a actividade directamente desde a aplicación Garmin Connect.

O sistema ofrece soporte para máis de 80 disciplinas deportivas. Entre as métricas máis avanzadas inclúense VO2 máximo, idade fisiolóxica, nivel de estrés, calidade do descanso, preparación para adestrar e recuperación.

Precisamente, a métrica de predisposición para adestrar pretende ofrecer unha resposta sinxela a saber se o corpo está preparado para facer un adestramento intenso ou é mellor recuperar. Para iso, Garmin combina información sobre o descanso, o estrés acumulado e outros datos fisiolóxicos.

Un modo específico para usuarias de cadeira de rodas

Garmin tamén incorporou á CIRQA Smart Band un Modo Cadeira de Rodas, que adapta o funcionamento do dispositivo ás necesidades destas usuarias. Neste modo, os algoritmos substitúen o reconto tradicional de pasos polo rexistro dos impulsos diarios e ofrecen tamén alertas relacionadas coa distribución do peso.

É unha adaptación que permite que as métricas de actividade se axusten mellor ás diferentes formas de mobilidade.

Garmin CIRQA vs Whoop: o modelo de negocio é a gran diferenza

A chegada da Garmin CIRQA Smart Band prodúcese nun momento no que as pulseiras sen pantalla están a gañar cada vez máis popularidade. Whoop foi unha das compañías responsables de popularizar este formato. A súa proposta baséase nun dispositivo discreto que analiza continuamente os datos das usuarias e ofrece a información a través da súa aplicación.

A diferenza fundamental está no modelo de negocio. Mentres Whoop aposta por unha subscrición como parte central da súa proposta, Garmin decidiu ofrecer as funcións básicas da CIRQA sen obrigar ás usuarias a pagar unha cota mensual.

Así, o prezo de compra inclúe a monitorización da saúde, seguimento do sono e deportivo, métricas de recuperación e análise básica do rendemento.

En calquera caso, Garmin si ofrece unha subscrición adicional chamada Garmin Connect+, pero é opcional. Este plan permite acceder a funcións máis avanzadas, entre elas as ferramentas de intelixencia artificial, meditación guiada por voz, un seguimento nutricional máis detallado e plans de adestramento adaptativos de Garmin Coach. A diferenza é que estas funcións adicionais non son necesarias para que a Garmin CIRQA Smart Band cumpra coa súa función principal.

Prezo e dispoñibilidade da Garmin CIRQA Smart Band

A Garmin CIRQA Smart Band ten un prezo de lanzamento de 199,99 euros. A proposta da compañía combina un formato extremadamente discreto, ata 10 días de autonomía, monitorización continua da saúde e un completo ecosistema de análise a través de Garmin Connect.

Nun mercado no que cada vez máis usuarias buscan controlar o seu estado físico sen levar un reloxo intelixente con pantalla, a CIRQA ofrece unha alternativa interesante. E, fronte á tendencia de converter os wearables en servizos de pago mensual, Garmin presenta unha proposta máis tradicional: comprar o dispositivo e poder utilizalo sen unha subscrición obrigatoria.

Sobre o autor

Reply