Google volve estar no punto de mira da Comisión Europea. Bruxelas vén de impoñer á compañía dúas multas que suman 890 millóns de euros por incumprir a Lei de Mercados Dixitais (DMA) da Unión Europea.
As sancións, de 460 e 430 millóns de euros respectivamente, están relacionadas con dúas prácticas diferentes: por unha banda, o tratamento preferente que Google daría aos seus propios servizos nos resultados da busca; pola outra, as restricións que, segundo a Comisión, impón ás desenvolvedoras de aplicacións para informar ás usuarias sobre ofertas alternativas a Google Play.
O Executivo comunitario considera que estas prácticas poden limitar a competencia e dificultar que as consumidoras europeas accedan a servizos e ofertas alternativas.
Google favorecía os seus propios servizos nos resultados de busca
A primeira sanción, de 460 millóns de euros, está relacionada co funcionamento da Busca de Google. Segundo a Comisión Europea, Google estaría dando unha posición máis destacada aos seus propios servizos fronte aos ofrecidos por empresas de terceiros.
A investigación abrangue áreas como as compras, hoteis, transporte ou deportes. Bruxelas considera que os servizos propios da compañía aparecen con maior visibilidade nos resultados, por exemplo, na parte superior da páxina ou mediante elementos visuais máis destacados e filtros específicos.
O problema, segundo a Comisión, é que servizos similares de terceiros non reciben necesariamente o mesmo tratamento, o que contradí a Lei de Mercados Dixitais, que obriga ás grandes plataformas a aplicar condicións de clasificación transparentes, xustas e non discriminatorias. Para Bruxelas, Google non cumpriu ata agora con esa obriga.
Google Play tamén está no centro da sanción
A segunda multa, de 430 millóns de euros, afecta directamente a Google Play. A Comisión Europea considera que Google limita a capacidade das desenvolvedoras para informar ás usuarias sobre outras formas de adquirir aplicacións ou produtos dixitais fóra da súa tenda.
A normativa europea establece que as desenvolvedoras deben poder informar ás usuarias sobre ofertas alternativas e promocionar ditas ofertas, así como tamén dirixir á clientela cara a páxinas web ou tendas de aplicacións alternativas, podendo ademais celebrar contratos directamente coas usuarias fóra de Google Play.
Estas alternativas poden resultar, en moitos casos, máis económicas para as consumidoras, xa que permiten evitar determinadas comisións cobradas polas tendas de aplicacións.
As comisións de Google tamén incumprirían a DMA
A Comisión recoñece que Google pode cobrar unha comisión cando facilita que unha desenvolvedora consiga unha nova clienta a través de Google Play. Porén, considera que tanto o nivel das comisións relacionadas co chamado “steering” como o tempo durante o que se aplican superan o que permite a Lei de Mercados Dixitais.
O concepto de “steering” fai referencia precisamente á capacidade das desenvolvedoras para informar sobre ofertas alternativas e dirixilas cara a outros métodos de compra. Para Bruselas, Google non pode impedir que unha desarrolladora explique ás usuarias que existe unha opción máis barata fóra da súa plataforma.
Google terá 60 días para cumprir
A Comisión Europea sinala que Google xa está a introducir cambios para intentar resolver as dúas situacións investigadas. Porén, considera que as medidas adoptadas ata agora non son suficientes para cumprir efectivamente coa DMA.
A compañía terá agora un prazo de 60 días para aplicar as decisións de Bruxelas. Se non o fai, podería enfrontarse a multas coercitivas periódicas de ata o 5 % do seu volume de negocio total mundial.
Esta ameaza pode ser especialmente relevante no caso de Google, unha das maiores empresas tecnolóxicas do mundo e un dos principais obxectivos da nova regulación europea.
