Starlink activou por primeira vez a súa cobertura móbil de emerxencia para usuarias de MasOrange e Telefónica

Os incendios forestais que están a afectar diferentes zonas do centro de España provocaron importantes danos nas infraestruturas de telecomunicacións, deixando sen cobertura móbil a persoas desprazadas e tamén a parte dos servizos de emerxencia que traballan sobre o terreo.

Neste contexto, Starlink activou por primeira vez no Estado español a súa conectividade móbil directa por satélite nunha situación real de emerxencia, permitindo que usuarias das marcas dos grupos MasOrange e Telefónica poidan manter unha comunicación básica mesmo cando as redes móbiles terrestres non están dispoñibles.

A propia Starlink confirmou a activación a través das súas canles oficiais, sinalando que está a ofrecer conectividade gratuíta ás usuarias de MasOrange e Movistar nas zonas afectadas polos incendios forestais.

SMS e datos básicos cando non hai cobertura móbil terrestre

O servizo activado por Starlink non ofrece, polo momento, unha conexión móbil convencional. Trátase dunha cobertura básica de emerxencia, pensada principalmente para manter as comunicacións máis importantes cando as antenas terrestres deixan de funcionar.

Os teléfonos compatibles poden conectarse automaticamente á rede satelital para enviar e recibir mensaxes SMS, manter unha comunicación básica coa familia e os servizos de emerxencia e utilizar datos móbiles a baixa velocidade.

A compañía explica que o servizo funciona mellor cando o teléfono ten unha visión despexada do ceo, xa que a comunicación se realiza directamente cos satélites de Starlink.

Os móbiles con 4G poden conectarse directamente aos satélites

Un dos aspectos máis relevantes desta activación é que as usuarias non necesitan un teléfono satelital específico. A conectividade está pensada para funcionar con smartphones LTE compatibles, que poden conectarse directamente aos satélites de Starlink utilizando as redes móbiles dos operadores.

Isto permite que, nunha situación na que as antenas terrestres non están dispoñibles, o teléfono poida buscar automaticamente a rede satelital.

Algunhas usuarias xa conseguiron conectarse a esta rede, que aparece identificada en determinados dispositivos como Orange Space X. A conexión é limitada e pode resultar lenta, pero permite enviar mensaxes de texto e manter unha canle de comunicación básica nun momento no que a cobertura convencional desapareceu.

A información dispoñible apunta a que usuarias de diferentes marcas do grupo MasOrange tamén poden conectarse ao servizo, incluíndo clientes de operadores como Simyo ou R, entre outros. Do mesmo xeito, as usuarias de Movistar tamén teñen acceso á conectividade de emerxencia activada por Starlink.

Unha activación excepcional para responder aos incendios

A situación actual é especialmente relevante porque esta sería a primeira vez que a conectividade móbil directa de Starlink se utiliza nunha emerxencia real. Orange levaba meses realizando probas deste tipo de tecnoloxía, que permite que os satélites de Starlink proporcionen cobertura directamente a teléfonos móbiles convencionais.

As probas realizáronse, entre outros lugares, en Valladolid, grazas a unha autorización excepcional para utilizar determinadas frecuencias de telefonía móbil desde o espazo. O servizo comercial estaba previsto para chegar nun momento posterior, pero a situación provocada polos incendios tería acelerado a súa activación.

Sobre o autor

No Responses

Reply