O mercado español das telecomunicacións está a piques de vivir unha situación completamente insólita. Vodafone prepara o regreso de Finetwork, pero durante uns meses haberá dúas compañías diferentes utilizando a mesma marca comercial.
A operadora británica, que adquiriu a marca Finetwork o pasado mes de abril, prepara o lanzamento para esta semana da súa propia oferta de baixo custo, con tarifas móbiles que poderían partir de apenas 5 euros ao mes. Ao mesmo tempo, Wewi Mobile, a compañía que popularizou a marca Finetwork e que recuperou o control do seu negocio tras unha batalla xudicial con Vodafone, poderá seguir utilizando a marca ata o próximo 10 de outubro de 2026.
O resultado será unha situación inédita no sector, na que dúas empresas diferentes ofrecerán servizos de telecomunicacións baixo o nome Finetwork.
Vodafone prepara unha nova Finetwork de baixo custe
Segundo a información publicada por Expansión e recollida a partir de fontes do canal de distribución de telecomunicacións, Vodafone prepara o lanzamento dunha nova oferta comercial baixo a marca Finetwork.
A proposta estará inicialmente centrada no segmento de baixo custe, un mercado no que a compañía británica xa conta con marcas como Lowi, pero no que agora pretende recuperar o potencial dunha enseña que chegou a ter unha importante presenza no mercado español.
A nova Finetwork utilizará directamente a rrede móbil e a infraestrutura de fibra de Vodafone, ademais dos seus sistemas informáticos e as súas plataformas de comercialización e xestión. Deste xeito, Vodafone terá control directo sobre toda a operación, en lugar de limitarse a proporcionar servizos maioristas a un operador virtual independente.
Tarifas móbiles desde 5 euros ao mes
A nova Finetwork de Vodafone comezaría a operar con tarifas exclusivamente móbiles comercializadas a través da súa propia páxina web. O portal aínda non está plenamente operativo, pero a intención da compañía sería ampliar progresivamente a oferta e incorporar tamén tarifas converxentes con fibra e móbil durante os próximos meses.
En canto aos prezos, a estratexia apunta a ser especialmente agresiva. As fontes citadas por Expansión sinalan que as novas tarifas poderían ser moi similares ás que ofrece actualmente Wewi Mobile baixo a marca Finetwork.
A oferta de referencia actual inclúe 5 euros ao mes por 25 GB de datos móbiles; 7 euros ao mes por 50 GB e 9 euros ao mes por 100 GB. Se Vodafone mantén unha estrutura similar, a nova Finetwork converteríase nunha das propostas máis económicas do mercado español.
O movemento permite a Vodafone reforzar a súa presenza no segmento de baixo custo, onde a competencia é especialmente intensa. As grandes operadoras levan anos utilizando segundas marcas para competir con operadores virtuais e compañías que basean a súa estratexia en ofrecer prezos moi baixos.
Haberá dúas Finetwork diferentes
A situación actual ten a súa orixe no conflito empresarial entre Vodafone e Wewi Mobile. A compañía alacantina, que estaba detrás da marca Finetwork, deixou de pagar a Vodafone o alugueiro das redes de fibra e móbil a comezos de 2025.
O impago provocou un proceso de reestruturación da débeda. En novembro dese mesmo ano, un xulgado mercantil concedeu a Vodafone o control de Wewi Mobile despois de que a operadora convertese parte da débeda acumulada nunha participación equivalente ao 90% do capital.
Porén, a situación cambiou posteriormente. En abril de 2026, a Audiencia de Alacant revogou aquela decisión e devolveu o control de Wewi aos seus antigos accionistas, polo que Vodafone reaccionou entón cun movemento diferente, adquirindo a marca Finetwork. A marca, con todo, non pertencía directamente a Wewi Mobile, senón ao seu fundador e antigo accionista principal, Pascual Pérez.
Por ese motivo, tras recuperar os seus antigos propietarios o control de Wewi, Vodafone permitiu que a compañía continuase utilizando temporalmente a marca. Pero a autorización para que Wewi Mobile continúe utilizando o nome Finetwork ten como data límite o 10 de outubro de 2026.
Ata ese momento, poderán coexistir no mercado dúas propostas diferentes baixo o mesmo nome, a Finetwork de Wewi Mobile,q que popularizou a marca, e a Finetwork de Vodafone, con tarifas propias.
