Google Maps renóvase en Android Auto, con navegación inmersiva e velocímetro para máis usuarias

Google continúa mellorando a experiencia de Android Auto e comezou a activar de forma masiva dúas das funcións máis demandadas polas usuarias de Google Maps: a nova navegación inmersiva e o velocímetro en tempo real. Tras varios meses de probas cun número reducido de usuarias, ambas novidades están chegando progresivamente á versión estable da aplicación.

O despregamento estase realizando directamente desde os servidores de Google, polo que moitas usuarias poderán acceder ás novas funcións sen necesidade de instalar unha versión beta nin actualizar manualmente a aplicación.

A navegación inmersiva chega por fin a Google Maps

A principal novidade é a expansión da chamada navegación inmersiva, unha das maiores renovacións visuais de Google Maps nos últimos anos. Esta función utiliza intelixencia artificial e técnicas de visión por computador para recrear escenarios tridimensionais durante a navegación. O resultado é unha interface moito máis visual, que permite anticipar con maior claridade cruces complexos, incorporacións e saías, a distribución dos carrís e outros puntos de referencia.

Deste xeito, as condutoras poden interpretar mellor o percorrido antes de chegar aos puntos máis complicados da ruta, reducindo a necesidade de consultar continuamente o mapa.

Outra das novidades que xa comeza a aparecer en máis vehículos é o velocímetro en tempo real dentro de Google Maps. Até o de agora, a aplicación amosaba os límites de velocidade nalgunhas estradas, pero agora tamén incorpora un indicador coa velocidade exacta á que circula o vehículo directamente na pantalla de Android Auto.

Esta información permite consultar tanto o mapa como a velocidade sen cambiar de aplicación nin recorrer ao cadro de instrumentos do vehículo, contribuíndo a unha condución máis cómoda e con menos distraccións.

Un despregamento gradual

Google está habilitando estas funcións mediante actualizacións silenciosas desde os seus servidores, polo que a súa chegada non é inmediata para todas. Factores como o país, o modelo do smartphone, a versión de Android Auto ou incluso o vehículo poden facer que as novidades aparezan antes ou despois.

Nos últimos días aumentaron significativamente as usuarias que xa informan de dispoñer da nova interface, o que indica que Google está acelerando o despregamento global.

A chegada destas novidades coincide coa integración cada vez maior de Gemini no ecosistema de Android Auto. Google está substituíndo progresivamente o tradicional icono do Asistente de Google polo de Gemini, un paso máis na incorporación da intelixencia artificial xerativa ao sistema de infoentretemento dos vehículos. Esta evolución permitirá no futuro realizar consultas máis naturais, obter respostas contextualizadas e controlar diferentes funcións mediante conversacións máis avanzadas.

Sobre o autor

Reply