Oppo vén de ampliar a súa familia de dispositivos co lanzamento oficial do Oppo K15, un smartphone que destaca por incorporar características pouco habituais na súa gama, como un ventilador de refrixeración activo integrado, unha enorme batería de 8.000 mAh e unha pantalla AMOLED de alta resolución.
O dispositivo chega para completar a serie formada polos Oppo K15 Pro e K15 Pro+, presentados o pasado mes de abril, mantendo a mesma liña de deseño e apostando por un hardware equilibrado pensado para ofrecer un alto rendemento e unha gran autonomía.
Oppo K15: tres características a destacar
Como xa avanzamos, o Oppo K15 destaca especialmente por tres características. A primeira é a incorporación dunha pantalla AMOLED de 6,59 polgadas con resolución 1.5K, taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de 1.200 nits, o que promete unha excelente experiencia tanto para consumir contidos multimedia como para xogar. Ademais, integra un lector de pegadas baixo a pantalla, unha característica cada vez máis habitual nos modelos de gama media-alta.
Por outra banda, outro dos aspectos máis rechamantes do Oppo K15 é a incorporación dun ventilador de refrixeración activo, unha tecnoloxía pouco frecuente fóra dos móbiles gaming. Este sistema permite disipar mellor a calor xerada durante sesións intensivas de xogos ou tarefas esixentes, contribuíndo a manter un rendemento estable durante máis tempo.
A terceira destas características especiais é a súa batería. O Oppo K15 incorpora unha impresionante batería de 8.000 mAh, moi por enriba da capacidade habitual na maioría dos smartphones actuais.

No apartado fotográfico, Oppo aposta por unha configuración sinxela pero potente. Na parte traseira incorpora unha cámara principal de 50 MP con estabilización óptica de imaxe (OIS), acompañada por un sensor ultra gran angular tamén de 50 MP. Na parte frontal destaca igualmente unha cámara selfie de 50 MP, unha resolución pouco habitual que promete fotografías con gran nivel de detalle e videoconferencias de maior calidade.
Polo demais, no seu interior atopamos o novo procesador MediaTek Dimensity 7360 Super, acompañado por 12 GB de memoria RAM LPDDR4X e 256 GB de almacenamento UFS 3.1.
Android 16 e certificación IP69
O Oppo K15 chega de fábrica con ColorOS 16, baseado en Android 16, ofrecendo as últimas novidades do sistema operativo de Google. No apartado da resistencia conta con certificación IP69, polo que está preparado para soportar po, auga e condicións ambientais esixentes.
En canto á conectividade, dispón de compatibilidade con redes 5G e dobre SIM con 4G, ademais de Wi-Fi 6 de dobre banda e Bluetooth 5.4. Por suposto non faltan o GPS, NFC e un emisor de infravermellos.
Oppo K15: prezo e dispoñibilidade
O novo Oppo K15 xa está á venda en China nunha única configuración con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, cun prezo oficial duns 320 euros ao cambio. Está dispoñible nas cores Gale Grey e Speed White.
Polo momento, Oppo non confirmou se este modelo chegará aos mercados internacionais, aínda que as súas especificacións convérteno nun dos smartphones máis interesantes da marca en materia de autonomía e refrixeración
