Novo HMD Asha 305, con batería extraíble e un prezo duns 60 euros

HMD continúa ampliando o seu catálogo de dispositivos accesibles e acaba de presentar oficialmente o HMD Asha 305, un terminal que recupera unha das marcas máis populares da antiga Nokia. O novo modelo estréase nas Filipinas como un “lite smartphone”, un concepto pensado para quen busca algo máis avanzado ca un teléfono básico, pero sen a complexidade nin o prezo dun smartphone convencional.

O dispositivo chega con Android AOSP, acceso a máis de cen aplicacións populares e unha característica cada vez máis difícil de atopar no mercado: unha batería extraíble.

Un smartphone pensado para o esencial

O HMD Asha 305 está orientado a usuarias que só precisan as funcións básicas dun smartphone, como mensaxería, redes sociais, vídeos e navegación, cun hardware moi sinxelo que permite manter un prezo moi reducido.

No seu interior incorpora o procesador Unisoc T137, acompañado por 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna. A súa pantalla é un panel LCD de 5 polgadas cunha resolución de 480 × 854 píxeles, e as cámaras, tanto frontal como traseira, de 2 MP. Dispón de conectividade 4G (dobre SIM), Bluetooth 4.2 e conector de auriculares de 3.5 mm.

Un dos aspectos máis destacados do HMD Asha 305 é a súa batería de 2.500 mAh, que pode retirarse e substituírse facilmente. Segundo HMD, ofrece ata 32 horas en espera, unha autonomía suficiente para un dispositivo con especificacións tan modestas.

O fabricante asegura que pode empregar máis de 100 aplicacións compatibles, entre as que se atopan WhatsApp, YouTube ou as versións “Lite” de Facebook, Instagram e TikTok, deseñadas especificamente para funcionar en dispositivos con poucos recursos técnicos.

Como sistema operativo emprega Pulse OS, desenvolvido por HMD sobre Android AOSP, a versión de código aberto de Android. Isto permite ofrecer unha experiencia máis lixeira, optimizada para un hardware modesto e centrada nas aplicacións máis utilizadas, sen a carga dos servizos completos de Google.

Prezo e dispoñibilidade

O HMD Asha 305 xa está á venda nas Filipinas cun prezo ao cambio duns 55 euros, e chega en dúas cores. HMD xa deixou entrever que o dispositivo chegará a novos mercados nas próximas semanas, aínda que polo momento non confirmou a súa comercialización en Europa.

Co lanzamento do Asha 305, HMD recupera unha denominación moi coñecida polas usuariasde Nokia de comezos da década pasada. A familia Asha foi durante anos unha das grandes apostas da compañía finlandesa para ofrecer teléfonos intelixentes económicos antes da expansión definitiva de Android. Agora, HMD rescata esa filosofía cun dispositivo pensado para quen busca un móbil funcional, económico e sinxelo..

Sobre o autor

Reply