Os Nothing Ear (3a) permiten gravar chamadas desde calquera móbil Android ou iPhone

Os Nothing Ear (3a) continúan ampliando as súas funcionalidades apenas unhas semanas despois do seu lanzamento no noso país. A compañía británica anunciou a chegada dunha das características que demandaban as usuarias: a gravación de chamadas, unha función que xa estaba dispoñible noutros mercados e que agora tamén se activa no noso país.

O máis interesante é que non fai falta ter un Nothing Phone para utilizala. A función é compatible con practicamente calquera smartphone Android ou iPhone, sempre que os auriculares estean configurados coa aplicación oficial Nothing X.

Grava chamadas directamente desde os auriculares

A nova función permite iniciar e deter a gravación dunha chamada telefónica ou dunha reunión en liña cun xesto moi sinxelo. Abonda con beliscar simultaneamente ambos auriculares para comezar a gravar o audio, sen necesidade de tocar o teléfono.

Unha vez rematada a gravación, o contido almacénase temporalmente nos propios auriculares e sincronízase automaticamente coa aplicación Nothing X, desde onde é posible escoitar as gravacións, editala ou xerar transcricións automaticamente.

Isto converte os Nothing Ear (3a) nunha ferramenta especialmente útil para profesionais, estudantes ou usuarias que precisen gardar conversas importantes ou reunións, evitando, por exemplo, ter que tomar notas.

Compatible con Android e iPhone e con aviso de privacidade

Un dos puntos fortes desta novidade é que non está limitada aos teléfonos Nothing. As usuarias só necesitan vincular os auriculares coa aplicación Nothing X, dispoñible tanto para Android como para iOS. Non é suficiente emparellalos mediante Bluetooth: é imprescindible utilizar a aplicación oficial para activar esta funcionalidade.

Segundo explicou a compañía, a gravación de chamadas activarase para aquelas usuarias cuxa dirección IP ou tarxeta SIM estea localizada no Estado español.

Nothing tamén incorporou medidas para respectar a privacidade dos participantes. Cada vez que se inicia unha gravación, os dous interlocutores escoitan un aviso sonoro, informando de que a conversación está a ser rexistrada. En calquera caso, a empresa lembra que corresponde ás usuarias cumprir coa lexislación vixente e solicitar o consentimento cando sexa necesario antes de gravar unha chamada.

Os Nothing Ear (3a) chegaron ao mercado destacando polas súas funcións intelixentes, entre elas Audio Snapshot, que permite gardar rapidamente notas de voz ou recordatorios sen sacar o teléfono do peto. Agora, coa incorporación da gravación de chamadas, amplían aínda máis as posibilidades de uso no día a día.

Son de alta calidade por menos de 100 euros

Máis aló das novas funcións, os Nothing Ear (3a) seguen destacando pola súa excelente relación entre prestacións e prezo. Incorporan un driver dinámico de 12 mm, capaz de ofrecer graves ata 5 dB máis potentes que a xeración anterior, ademais dun diafragma PMI inspirado na industria aeroespacial para mellorar a reprodución das frecuencias agudas.

Tamén contan con certificación Hi-Res Audio Wireless e compatibilidade co códec LDAC, pensado para ofrecer audio de alta resolución sen fíos.

Como xa é habitual na marca, os Ear (3a) manteñen a súa característica estética transparente, deixando á vista parte da electrónica interna dos auriculares. Nothing tamén redeseñou lixeiramente o estoxo de carga, mantendo unha identidade visual moi recoñecible que os diferencia da maioría de alternativas do mercado.

Todo isto cun prezo oficial de 99 euros, o que os converte nunha das opcións máis atractivas para quen busca uns auriculares sen fíos con boa calidade de son, funcións intelixentes e un deseño diferente.

Sobre o autor

Reply