A carreira pola conectividade desde o espazo continúa acelerándose. Despois de que Starlink revolucionase o acceso a internet por satélite e comezase a ofrecer cobertura directa para teléfonos móbiles en determinadas situacións (como nos recentes incencios do centro da Península), Amazon xa prepara a súa resposta cun ambicioso proxecto que aspira a competir de ti a ti coa empresa de Elon Musk.
A compañía de Jeff Bezos solicitou autorización á FCC, o regulador estadounidense das telecomunicacións, para despregar unha constelación de ata 5.105 satélites de órbita baixa compatibles coa futura tecnoloxía 5G NTN (Non-Terrestrial Networks).
O obxectivo vai moito máis alá de ofrecer internet para fogares e empresas, xa que Amazon tamén quere que os smartphones poidan conectarse directamente aos seus satélites sen necesidade de antenas terrestres.
Internet por satélite e cobertura móbil nun mesmo sistema
O proxecto de Amazon do que xa levamos tempo falando, coñecido como Project Kuiper, naceu inicialmente para competir con Starlink no mercado do acceso a internet por satélite. Porén, os novos documentos presentados ante a FCC revelan unha segunda fase moito máis ambiciosa: ofrecer cobertura móbil 5G desde o espazo, permitindo que os teléfonos compatibles se conecten directamente á constelación de satélites.
Para conseguilo, Amazon prevé lanzar os seus novos satélites a partir de 2028, distribuídos en cinco órbitas diferentes para optimizar a cobertura mundial. A compañía explica que esta arquitectura permitirá concentrar unha maior densidade de satélites nas rexións con máis poboación, mellorando tanto a capacidade como a velocidade da rede.
Os futuros satélites de Amazon incorporarán tecnoloxías moi similares ás empregadas por Starlink. Entre elas destacan antenas con formación electrónica de feixes, capaces de dirixir automaticamente o sinal cara ás zonas con usuarias activas; comunicación mediante enlaces láser entre satélites, creando unha rede troncal espacial independente das infraestruturas terrestres; e unha maior eficiencia enerxética e redución das interferencias.
Esta infraestrutura permitirá ofrecer conexións máis rápidas e estables, especialmente en zonas rurais ou sen cobertura convencional.

A segunda xeración da cobertura móbil por satélite
O proxecto de Amazon baséase na tecnoloxía 5G NTN, considerada a segunda xeración das comunicacións móbiles vía satélite. A primeira xeración xa está representada por solucións como as de Starlink ou AST SpaceMobile, que permiten conexións básicas desde teléfonos 4G actuais.
Con todo, estes sistemas presentan varias limitacións, entre elas a necesidade de contar con acordos cos operadores móbiles de cada país, xa que empregan frecuencias cedidas polas compañías. Ademais, rRequiren unha visión despexada do ceo e só permiten enviar mensaxes SMS e datos de baixa velocidade.
A gran diferenza chegará coa Release 17 do estándar 5G, que incorpora oficialmente o soporte para redes non terrestres. Os smartphones compatibles con esta tecnoloxía estarán deseñados especificamente para comunicarse cos satélites, conseguindo unha conexión moito máis estable e cun rendemento semellante ao dunha rede móbil tradicional en bandas de baixa frecuencia.
Outro dos aspectos máis relevantes é que Amazon pretende operar utilizando espectro propio. A empresa xa asegurou dereitos sobre frecuencias pertencentes a Globalstar, mentres que Starlink fixo o propio adquirindo espectro de EchoStar. Esta estratexia permitirá ás dúas compañías reducir a dependencia dos acordos cos operadores móbiles nacionais, facilitando unha implantación máis rápida dos seus servizos.
En Europa, porén, o panorama aínda está aberto. As licenzas actuais da banda MSS de 2 GHz expiran en 2027 e diferentes gobernos, incluído o español, estudan unha redistribución destas frecuencias para reservar parte delas a servizos públicos e operadores europeos.
