Nun mercado dominado por pantallas cada vez máis grandes e dispositivos deseñados para consumir contido sen descanso, aínda hai espazo para propostas diferentes. Se en maio coñeciamos o Clicks Communicator, un accesorio que devolvía o teclado físico aos smartphones modernos, agora chega un novo dispositivo que leva esa filosofía un paso máis alá.
The Minimal Company mostrou o primeiro avance do Minimal Phone 2, un teléfono que recupera o espírito dos míticos BlackBerry combinando un teclado físico QWERTY cunha pantalla de tinta electrónica (e-ink) e unha experiencia centrada na produtividade e nas menores distraccións.
Un deseño que lembra ás BlackBerry clásicas
A compañía publicou as primeiras imaxes do dispositivo, nas que se aprecia unha importante evolución respecto á primeira xeración. O Minimal Phone 2 contará cun deseño máis refinado, dispoñible en acabado prata e negro mate, incorporando esquinas máis redondeadas, marco metálico e un corpo algo máis ancho, ademais do teclado físico QWERTY integrado na parte inferior.
Precisamente este teclado é un dos grandes protagonistas do dispositivo, cunha disposición que lembra claramente aos históricos smartphones de BlackBerry, convertidos durante anos na referencia para profesionais e usuarias que priorizaban escribir con rapidez.
Pensando en reducir distraccións
Máis aló do teclado físico, o concepto detrás do Minimal Phone segue afastándose da tendencia actual dos smartphones tradicionais. Outro dos seus grandes atracitvos é a pantalla de tinta electrónica, unha tecnoloxía que reduce o consumo enerxético, diminúe a fatiga visual e convida a un uso máis pausado do dispositivo.
Polo momento, The Minimal Company non revelou as especificacións técnicas do novo modelo, polo que se descoñece que procesador, memoria ou capacidade de batería incorporará.
Xa hai lista de espera
Aínda que a compañía non anunciou nin a data oficial de lanzamento nin o seu prezo, xa habilitou unha lista de espera na súa páxina web para as usuarias interesadas en acceder ao dispositivo antes da súa comercialización. Espérase que nas próximas semanas se dean a coñecer o resto das especificacións técnicas e os mercados nos que estará dispoñible.
