Simyo acaba de renovar a súa oferta comercial cunha importante mellora para a súa clientela. O operador pertencente ao grupo MasOrange anunciou un incremento da velocidade mínima da súa fibra óptica, que pasa de 300 Mbps a 500 Mbps, ademais dunha promoción temporal que incrementa os datos móbiles dalgunhas tarifas converxentes sen subir o prezo.
As novidades xa están en marcha e afectan tanto ás usuarias actuais como a quen contrate os servizos da compañía durante as próximas semanas.
Fibra cun mínimo de 500 Mbps
O cambio máis destacado chega á oferta de internet fixa. A partir de agora, a fibra de 300 Mbps desaparece do catálogo e pasa automaticamente a ofrecer 500 Mbps, unha mellora permanente que non supón ningún incremento de prezo para as usuarias que xa dispoñían desta modalidade.
Simyo confirmou que a actualización realizarase de maneira progresiva entre toda a súa clientela que dispuña de 300 Mbps, mentres que para as novas contratacións xa se instala directamente con 500 Mbps.
Ademais, tamén desaparece a modalidade de 600 Mbps, simplificando a súa oferta de fibra a dúas opcións: 500 Mbps ou 1 Gbps.
A nova oferta permite contratar Internet fixo de 500 Mps por 25,99 €/mes, que se poden ver reducidos a 23,99 €/mes se se combina cunha liña móbil.
Máis datos móbiles polo mesmo prezo
A segunda novidade chega ás tarifas converxentes de fibra e móbil. A operadora lanzou unha promoción especial que aumenta os datos incluídos en dúas das súas tarifas máis populares sen incrementar o seu custo mensual.
As melloras implican que a tarifa de 50 GB pasa a ofrecer 100 GB, mentres que a modalidade de 120 GB increméntase ata os 150 GB. O prezo permanece exactamente igual, polo que as usuarias reciben máis capacidade para navegar sen pagar máis.
Iso si, esta mellora non estará dispoñible para sempre. As novas combinacións con máis datos poderán contratarse promocionalmente ata o próximo 4 de outubro. A boa noticia é que quen as contrate antes desa data conservará para sempre os novos bonos de datos, sempre que manteña a tarifa.
Simyo reforza a súa posición no segmento low cost
Con este movemento, Simyo continúa reforzando a súa oferta dentro do mercado de baixo custo, onde a competencia entre operadores é cada vez maior.
O incremento da velocidade mínima da fibra responde á evolución das necesidades dos fogares, mentres que o aumento temporal dos datos móbiles busca facer máis atractivas as tarifas converxentes durante a campaña de verán.
