Santander entra no mercado da conectividade móbil internacional coa súa propia eSIM. A entidade financeira anunciou o lanzamento no Estado español de Santander eSIM, un novo servizo que permite contratar plans de datos para viaxar ao estranxeiro sen cambiar a tarxeta SIM física e xestionándoo todo desde a aplicación do banco.
A solución estará chegará posteriormente a outros mercados do grupo, como Portugal e México, grazas á colaboración coa compañía especializada en conectividade internacional Gigs.
Unha eSIM para viaxar sen depender do roaming
A nova Santander eSIM, de maneira semellante ao que ofrecen diversos neobancos, está pensada especialmente para quen viaxa con frecuencia e busca evitar os elevados custos do roaming tradicional, sobre todo en destinos fóra da Unión Europea.
Deste modo, as usuarias poderán contratar paquetes de datos móbiles antes ou durante a viaxe directamente desde a app de Santander, sen necesidade de descargar aplicacións adicionais nin substituír a súa SIM habitual. En canto ás opcións contratables, Santander ofrecerá diferentes paquetes de datos, como 3 GB, 5 GB, 10 GB, 20 GB ou 50 GB.
O servizo ofrece conectividade en máis de 160 países, incluíndo algúns dos destinos internacionais máis populares, como Estados Unidos, Reino Unido, Marrocos, Turquía, Xapón, Brasil ou Tailandia. E unha vez activada a eSIM, poderá reutilizarse en futuras viaxes simplemente contratando novos bonos de datos cando sexa necesario.
Santander amplía o seu ecosistema dixital
Co lanzamento de Santander eSIM, o banco continúa ampliando a súa oferta de servizos dixitais máis aló dos produtos financeiros tradicionais.
A entidade busca converter a súa aplicación nun centro de servizos para o día a día da súa clientela, ofrecendo solucións prácticas tamén para quen viaxa con frecuencia, cunha proposta integrada, sinxela e competitiva para manter a conexión móbil en practicamente calquera parte do mundo.
