A conectividade por satélite está a vivir unha auténtica revolución e SpaceX pretende situarse na primeira liña. A compañía de Elon Musk confirmou os seus plans para despregar ata 15.000 satélites dedicados a Starlink Mobile, multiplicando por máis de vinte a infraestrutura actual, formada por uns 650 satélites con capacidade para comunicacións móbiles.
O obxectivo é crear unha rede global capaz de ofrecer conexión directa aos smartphones sen depender das antenas tradicionais, especialmente en zonas sen cobertura ou durante situacións de emerxencia.
Segundo a documentación presentada por SpaceX ante os reguladores canadenses, a empresa está á espera da autorización da FCC (Federal Communications Commission) para iniciar este ambicioso proxecto. Se recibe luz verde, os primeiros satélites de nova xeración poderían comezar a lanzarse a finais de 2027, empregando o foguete Starship, que será o encargado de poñer en órbita miles de satélites de forma progresiva.
Máis capacidade e cobertura 5G desde o espazo
Os novos satélites suporán un salto importante respecto á tecnoloxía actual. Starlink asegura que a súa segunda xeración ofrecerá unha capacidade de transmisión ata cen veces superior, permitindo atender un maior número de usuarias ao mesmo tempo.
O obxectivo non será tanto incrementar a velocidade máxima como garantir unha rede moito máis robusta, especialmente cando milleiros de persoas necesiten conectarse simultaneamente. Esta mellora será clave en situacións como incendios, inundacións ou terremotos, nas que as infraestruturas terrestres poden quedar inutilizadas.
Por iso esta primeira fase está está orientada a permitir a conectividade cando as redes móbiles convencionais deixen de funcionar, para nunha fase posterior achegar novas funcionalidades para o público xeral, entre elas as chamadas de voz por satélite, aínda que a compañía non concretou cando estarán dispoñibles.
2028, o ano clave para Starlink Mobile
Os plans da compañía apuntan a que 2028 será o momento no que a nova constelación estea plenamente operativa, convertendo a Starlink nun dos principais provedores de conectividade móbil vía satélite do mundo, chegando a ofrecer servizo mesmo nas rexións polares, un dos maiores desafíos para este tipo de servizos e un territorio onde moitos dos seus competidores aínda non teñen solucións confirmadas.
A carreira pola conectividade directa entre satélites e teléfonos intelixentes acelérase. Ademais de Starlink, compañías como Amazon co seu proxecto Leo, AST SpaceMobile ou Globalstar tamén preparan as súas propias solucións.
Se o calendario previsto se cumpre, os próximos dous anos serán decisivos para comprobar se a conexión 5G directamente desde o espazo deixa de ser unha promesa para converterse nunha realidade cotiá
