Hai uns días avanzamos os plans de MasOrange para reforzar a súa rede durante a eclipse do 12 de agosto, e agora é Telefónica quen avanza un amplo dispositivo técnico para asegurar a mellor cobertura móbil durante esa xornada.
Segundo apuntou nun comunicado, a compañía leva cinco meses preparando un plan específico para garantir que milleiros de persoas poidan compartir imaxes, vídeos e retransmisións en directo sen incidencias durante un dos acontecementos astronómicos máis importantes do século
Máis de 2.700 actuacións para reforzar a rede
Telefónica analizou previamente os máis de 400 puntos oficiais de observación comunicados polas diferentes comunidades autónomas para identificar aquelas zonas onde se prevé unha maior concentración de visitantes.
Como resultado, realizará tarefas de optimización e configuración da súa rede móbil en 2.756 estacións base repartidas por 31 provincias.
O operativo abrangue practicamente todo o percorrido da eclipse do Estado español, o que inclúe Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, Aragón, Catalunya, Comunitat Valenciana, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid, Illes Balears e A Rioxa.
O reforzo non implica a instalación de novas antenas, senón unha reconfiguración intelixente da infraestrutura xa existente, adaptando os parámetros técnicos das estacións base para redistribuír automaticamente a capacidade da rede e o ancho de banda segundo a demanda prevista en cada zona.
Este tipo de optimización permitirá absorber o aumento puntual de tráfico provocado por miles de persoas compartindo fotografías, vídeos ou emisións en directo durante a eclipse.
Forma parte do Plan Verán de Telefónica
O dispositivo especial para a eclipse intégrase dentro do Plan Verán 2026 da operadora, dentro do cal realizou máis de 500 actuacións de mellora da rede existente, novos despregamentos en 34 localidades costeiras, a optimización da cobertura en 440 eventos multitudinarios e un despregamento de unidades móbiles de reforzo nos encontros con maior afluencia de público.
Con este operativo, Telefónica pretende garantir que as usuarias dispoñan dunha conexión estable durante a eclipse solar do 12 de agosto, un evento que atraerá milleiros de persoas e que se convertirá nun dos maiores retos de conectividade do verán.
