O Xiaomi Redmi 17 5G xa é oficial. Xiaomi presentou en China o seu novo móbil de entrada apostando por unha fórmula moi clara: gran pantalla, enorme batería e un prezo moi axustado.
O terminal chega con conectividade 5G, unha batería de 6.300 mAh e unha pantalla de 6,9 polgadas, situándose como unha das opcións máis interesantes da gama económica para 2026.
Xiaomi Redmi 17 5G
O novo Redmi 17 5G destaca desde o primeiro momento polo seu tamaño. Xiaomi equipa o dispositivo cun panel LCD de 6,9 polgadas con resolución HD+ (1600 × 720 píxeles) e deseño con muesca en forma de gota de auga.
Malia tratarse dun modelo económico, incorpora características pouco habituais nesta gama, como unha taxa de refresco de 120 Hz, taxa de mostraxe táctil de 240 Hz ou brillo máximo de 80 nits. Tamén estrea a tecnoloxía Wet Touch 2.0, deseñada para mellorar a resposta táctil cando se usan os dedos mollados.

No interior monta o procesador Unisoc T8300, fabricado en 6 nanómetros e cunha frecuencia máxima de 2,2 GHz. Acompáñase de até 6 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna, con ranura microSD para ampliar o espazo.
No apartado fotográfico, o Redmi 17 5G aposta pola simplicidade, cunha cámara traseira principal de 13 MP e unha cámara frontal de 8 MP. Non pretende competir en fotografía avanzada, senón ofrecer unha experiencia básica para uso cotián.
Xiaomi integra tamén unha batería de 6.300 mAh, unha capacidade moi superior á habitual na gama de entrada. Vén con carga de 15W e admite carga inversa de 7.5W. Segundo a marca, a batería está deseñada para manter unha boa saúde durante ata catro anos de uso.

Por último, como sistema operativo o smartphone chega de fábrica con HyperOS 3, a última capa de personalización de Xiaomi baseada en Android.
Dispoñibilidade e cores
O Redmi 17 5G xa está á venda na China nas configuracións de 4 + 128 GB por uns 130 € e de 6 + 128 GB por algo máis de 150 € ao cambio. En canto ás cores, está dispoñible en tres acabados: Cold Mist Blue (azul), Star Rock Black (negro) e Feather Mist White (branco).
Sobre a súa dispoñibilidade global, as filtracións apuntan a que Xiaomi prepara unha versión internacional do Redmi 17 5G, aínda que podería chegar con cambios tanto no deseño como nas especificacións respecto ao modelo chinés.
