Chegou o día. Hoxe temos a cita astronómica das nosas vidas. A eclipse atravesará Galiza, sendo totalmente visible na zona norte da provincia da Coruña, na totalidade da de Lugo e en varios concellos do norte de Ourense.
Escoller un bo sitio para velo, cumprindo as múltiples restricións establecidas polos diferentes concellos, é fundamental. E por iso, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, xunto coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), creou un visor interactivo que podemos consultar directamente desde o navegador do móbil, sen instalar absolutamente nada.
O funcionamento do visor é bastante sinxelo. Unha vez aberta a páxina no teléfono, a ferramenta utiliza a cámara e a brúxula do dispositivo para situar aproximadamente no ceo a posición que terá o Sol durante a eclipse. Só temos que seguir as indicacións que aparecen na pantalla e mover o teléfono ata localizar a posición prevista.
Aí está precisamente unha das súas principais vantaxes: non é necesario descargar unha app nin instalar ningún programa. Podemos abrir a web desde Chrome, Safari ou o navegador que utilicemos habitualmente e comprobar a situación directamente desde o teléfono.
Unha boa forma de escoller onde ver o eclipse en Galiza
A ferramenta pode ser especialmente interesante en Galiza porque a eclipse producirase co Sol bastante baixo sobre o horizonte. Polo tanto, non chega con estar dentro da zona de totalidadr, senón que tamén é importante contar cun lugar desde o que teñamos unha boa visión do horizonte.
Grazas ao visor podemos comprobar previamente cara a onde teremos que mirar e se existen posibles obstáculos, como edificios, árbores ou outras elevacións do terreo.
Isto permite facer unha pequena planificación antes de saír da casa e evitar chegar ao lugar escollido para descubrir que precisamente nesa dirección temos un obstáculo que nos tapa o Sol.

Tamén podemos consultar a hora exacta
O visor forma parte da iniciativa Trío de Eclipses, creada para os tres grandes eclipses que poderemos observar desde o Estado español en tres anos consecutivos.
Na propia web do proxecto tamén podemos consultar información moito máis detallada sobre o fenómeno, incluíndo a hora na que comezará, o momento da totalidade, a porcentaxe de ocultación e a duración da eclipse en diferentes puntos.
Isto resulta especialmente útil se estamos pensando en desprazarnos, xa que podemos comparar diferentes localizacións e saber con antelación que experiencia teremos en cada unha delas.
Unha oportunidade que paga a pena preparar
A eclipse de hoxe será unha desas citas que paga a pena preparar. En Galiza teremos a oportunidade de observar a fase de totalidade desde unha parte importante do territorio e, ademais, será un espectáculo especialmente interesante porque o Sol estará bastante baixo no ceo.
Iso si, hai algo que o móbil non pode solucionar: nunca debemos mirar directamente ao Sol sen protección adecuada. Para observar a eclipse é necesario utilizar gafas específicas para eclipses que cumpran a certificación ISO 12312-2, tamén cando esteamos utilizando a cámara do teléfono.
