Xiaomi acaba de presentar oficialmente HyperOS 4, a nova gran versión da súa capa de personalización para os seus móbiles e tabletas. A actualización chega cun importante redeseño visual, máis opcións para personalizar a interface e unha aposta aínda maior pola intelixencia artificial.
E hai unha novidade que salta á vista nada máis velo: HyperOS 4 adopta unha estética baseada no vidro, con elementos translúcidos e efectos de refracción que buscan facer que a interface resulte máis dinámica.
HyperOS 4 cambia o aspecto dos Xiaomi
Unha das principais novidades de HyperOS 4 está na interface. Xiaomi aposta por un deseño con elementos de vidro e efectos de refracción, seguindo unha tendencia que cada vez está máis presente nos sistemas operativos móbiles.
Pero non se trata simplemente dun cambio estético. A compañía tamén introduce máis posibilidades de personalización, especialmente na pantalla de bloqueo.
Agora será posible organizar de maneira máis flexible o reloxo e as notificacións, así como redimensionar cartafoles e agrupar widgets. A interface tamén mellora a adaptación entre orientación vertical e horizontal, mesmo no caso das aplicacións flotantes.

Xiaomi promete móbiles máis rápidos
HyperOS 4 tamén chega con melloras internas para acelerar o funcionamento dos dispositivos. Segundo as probas internas realizadas por Xiaomi, despois de nove horas de utilización continuada, un teléfono con HyperOS 4 pode cargar as aplicacións ata un 18% máis rápido que con HyperOS 3.
Un dos mecanismos utilizados para conseguilo é a intelixencia artificial. O sistema pode prever que recursos vai necesitar o usuario a continuación e cargalos previamente na memoria RAM, de maneira que estean preparados cando sexan necesarios.
Tamén hai melloras específicas para a cámara. O procesamento dunha fotografía HDR pasa de necesitar uns 310 milisegundos a aproximadamente 240 ms, mentres que o tempo de arranque en frío da aplicación da cámara redúcese en 200 ms.
A IA cobra aínda máis protagonismo
Outra das grandes apostas de HyperOS 4 é a intelixencia artificial. Xiaomi utilizará o seu propio modelo de linguaxe MiMo para impulsar o novo Super AI Assistant 2.0.
O asistente poderá realizar tarefas bastante máis complexas que responder preguntas. Entre outras funcións, poderá transcribir voz, organizar notas, buscar fotografías na galería, axudar a planificar viaxes, controlar dispositivos do fogar intelixente e interactuar tamén con vehículos compatibles.
Para as tarefas máis complexas, Xiaomi empregará Super Island, a interface emerxente situada arredor da cámara frontal. En lugar de ocupar toda a pantalla desde o primeiro momento, mostrará que recibiu a petición e que está procesándoa, pasando á interface completa cando teña preparada a resposta.
Inspiration Ball: a alternativa de Xiaomi a Circle to Search
HyperOS 4 tamén introduce unha función chamada Inspiration Ball, unha especie de punteiro flotante que permite proporcionar contexto á IA.
Por exemplo, as usuarias poden arrastrala sobre unha dirección e pedirlle que navegue ata ese lugar. Tamén pode colocala sobre unha fotografía dun produto e solicitar que o busque en Internet.
É unha función interesante, aínda que Xiaomi advirte que podería non chegar á versión global de HyperOS 4, xa que as súas funcionalidades se solapan en parte co Circle to Search de Google.
HyperOS 4 comeza a probarse hoxe
A beta pública de HyperOS 4 comeza este 14 de agosto, aínda que inicialmente parece estar destinada ao mercado chinés.
O primeiro grupo de dispositivos que recibirán a beta está formado polos Xiaomi 17 Ultra e Xiaomi 17 Ultra Leica Edition; Xiaomi 17 Pro Max; Xiaomi 17 Pro; Xiaomi 17; Redmi K90 Pro Max e Champion Edition; Redmi K90; Xiaomi Pad 8 Pro e Xiaomi Pad 8.
A partir do 27 de agosto a beta chegará aos Xiaomi 17 Max, Xiaomi 17T Pro, Xiaomi 17T, Xiaomi 15 Ultra e Satellite Edition, Xiaomi 15S Pro, Xiaomi 15 Pro, Xiaomi 15, Redmi K90 Max, Redmi K90 Ultra e Redmi K Pad 2. E desde o 17 de setembro poderase probar tamén nos Redmi K100 Pro Max, Redmi K100 Pro, Redmi K80 Pro, Redmi K80 Pro Extreme Edition, Redmi K80, Xiaomi Mix Flip 2, Xiaomi Pad 7 Ultra e Xiaomi Pad 7S Pro 12.5
Unha renovación que vai máis alá do deseño
Con HyperOS 4, Xiaomi non se limita a cambiar o aspecto da súa interface. A compañía combina novo deseño, máis personalización, optimización do rendemento e novas funcións de intelixencia artificial nunha actualización que pretende converter o sistema operativo nunha parte máis activa da experiencia co dispositivo.
Agora queda por coñecer un dos detalles que máis interesarán ás usuarias do noso país: cando chegará HyperOS 4 aos dispositivos vendidos no mercado global e que funcións da versión chinesa estarán realmente dispoñibles fóra de China.
