Tal e como avanzamos a comezos de semana, Fairphone xa fixo oficial o seu novo smartphone. O Fairphone 6+ chega como unha actualización bastante conservadora respecto ao Fairphone 6, pero introduce dúas melloras importantes no hardware: máis memoria RAM e un procesador máis recente.
E, sobre todo, mantén intacta a característica que diferencia a Fairphone da maioría dos fabricantes: é un teléfono pensado para repararse, actualizarse e durar moitos anos.
Snapdragon máis novo e 12 GB de RAM
O Fairphone 6+ incorpora o Qualcomm Snapdragon 7s Gen 4, fronte ao Snapdragon 7s Gen 3 do Fairphone 6. A memoria RAM tamén dá un salto considerable: pasa de 8 a 12 GB, un 50% máis. O almacenamento é de 256 GB e o teléfono continúa permitindo ampliar a capacidade mediante microSD de até 2 TB.
O novo Fairphone mantén a pantalla do modelo anterior. É un panel LTPO OLED de 6,31 polgadas, cunha resolución de 1.116 x 2.484 píxeles e frecuencia de actualización de 120 Hz.

No apartado fotográfico tamén conserva a configuración coñecida, cunha cámara principal de 50 megapíxeles con sensor Sony Lytia 700C e estabilización óptica, acompañada dun ultra gran angular de 13 MP. Na parte frontal temos unha cámara de 32 megapíxeles.
No apartado da autonomía, a batería é de 4.415 mAh, admitindo carga de 30 W.
Con estas novidades, podemos concluír que se trata dunha actualización que non pretende converter o Fairphone nun móbil de gama alta, pero si ofrecer máis marxe de rendemento para os próximos anos.
O móbil que podemos reparar en lugar de substituír
Nun mercado que chama a mudar de dispositivo cada vez que hai que facer unha reparación, o Fairphone 6+ conta con 12 pezas substituíbles polas usuarias. Entre elas están elementos tan importantes como a batería, a pantalla, o porto USB-C ou a tapa traseira.
Fairphone asegura que algunhas destas pezas, como a batería, a pantalla, o porto USB-C e a tapa traseira, poden substituírse en menos de cinco minutos. Outros elementos, como os micrófonos, os botóns laterais ou o lector de pegadas, poden ser reparados por centros especializados.

A compañía tamén se compromete a manter pezas de reposto dispoñibles ata 2033, na liña do seu compromiso de garantía e soporte. De feito, ofrece cinco anos de garantía e a promesa de seis grandes actualizacións de Android e actualizacións de seguridade até o 2023.
Dispoñibilidade e prezo do Fairphone 6+
O novo Fairphone 6+ xa se pode adquirir en Europa a través da web do fabricante, estando dispoñible en azul, verde e negro (Cobalt Blue, Forest Green e Horizon Black).
Custa 649 €, polo que a súa proposta non é competir directamente cos móbiles máis baratos do mercado, senón facelo asegurando a durabilidade.
