O Samsung Galaxy S26 FE será presentado o 27 de agosto

Samsung xa puxo data ao seguinte gran lanzamento da súa familia de smartphones. O Galaxy S26 FE será presentado o vindeiro 27 de agosto, nun novo Galaxy Unpacked no que a compañía dará a coñecer a que describe como a súa última incorporación á familia Galaxy S26.

Aínda que Samsung non menciona expresamente o nome Galaxy S26 FE no anuncio, todo apunta a que será o protagonista do evento. As datas, ademais, encaixan co calendario seguido pola compañía coa xeración anterior.

O novo modelo chega cunha misión clara: ofrecer boa parte da experiencia dos Galaxy S26 nun teléfono máis accesible e equilibrado.

Un Galaxy S26 FE con máis protagonismo para a cámara e a IA

Samsung adianta que o novo teléfono contará coas “experiencias esenciais” da serie Galaxy S26, especialmente no que ten que ver coa fotografía e as funcións baseadas en intelixencia artificial.

Isto significa que o Galaxy S26 FE debería herdar boa parte das novidades de software introducidas nos modelos de gama alta a principios de ano. Ademais, chegará con a nova versión de One UI instalada de fábrica, polo que será un dos primeiros teléfonos da compañía en ofrecer as novidades desta capa de personalización.

As filtracións apuntan tamén a un deseño continuista respecto ao Galaxy S25 FE, pero adaptado á estética dos Galaxy S26.

Pantalla AMOLED de 6,7 polgadas e Exynos 2500

A pantalla será outro dos elementos destacados do Galaxy S26 FE. Segundo as informacións filtradas, Samsung apostaría por un panel AMOLED de 6,7 polgadas con frecuencia de actualización de 120 Hz. Trataríase, polo tanto, dun teléfono de tamaño considerable, pensado tanto para consumir contido multimedia como para aproveitar as novas funcións de produtividade e intelixencia artificial.

No apartado do procesador, Samsung podería apostar polo seu propio Exynos 2500, o mesmo chip empregado no Galaxy Z Flip 7. A elección permitiría ofrecer un equilibrio entre potencia e eficiencia, aínda que haberá que agardar á presentación oficial para coñecer todos os detalles sobre memoria, almacenamento e configuracións dispoñibles.

Precisamente, o rendemento e a eficiencia serán especialmente importantes tendo en conta a batería que se espera neste modelo. As filtracións apuntan a unha batería de 4.900 mAh, unha capacidade superior á do Galaxy S25 FE. Segundo as estimacións recollidas nas informacións previas ao lanzamento, o novo modelo podería alcanzar ata 50 horas de autonomía, fronte ás aproximadamente 42,5 horas atribuídas á xeración anterior.

E tamén habería boas noticias no apartado da carga rápida. O Galaxy S26 FE mantería os 45 W de carga rápida do Galaxy S25 FE.

O prezo será a gran incógnita

Con boa parte das especificacións xa adiantadas polas filtracións, queda unha cuestión fundamental por resolver: canto custará o Galaxy S26 FE. O prezo será especialmente importante nesta xeración, xa que o mercado dos smartphones está a afrontar un contexto complicado polos incrementos no custo de determinados compoñentes, especialmente da memoria.

Samsung podería ter no Galaxy S26 FE un dos seus modelos máis interesantes para o público xeral se consegue manter unha relación equilibrada entre prezo, cámara, autonomía, pantalla e software.

En calquera caso, o 27 de agosto sairemos de dúbidas. Será entón cando Samsung revele oficialmente o Galaxy S26 FE e todos os seus detalles, incluído o prezo e a dispoñibilidade no noso país.

Sobre o autor

Reply