O2, a marca de baixo custe de Telefónica, continúa movendo ficha para facer máis atractivas as súas tarifas. A operadora acaba de anunciar dúas novas vantaxes para as súas usuarias, relacionadas tanto co acceso a televisión como coa posibilidade de incorporar dispositivos ás tarifas.
Por unha banda, a clientela que non teñan televisión contratada poderán engadir Movistar Plus+ por 6 euros ao mes, fronte aos 9,99 euros que custa habitualmente.
Por outra, O2 amplía o seu programa de dispositivos e permite que as usuarias con tarifas de 40 euros mensuais ou máis poidan acceder a determinados equipos desde 0 euros.
Movistar Plus+ por 6 euros ao mes
Desde onte, as usuarias que teñan contratado só Fibra e das tarifas converxentes de O2 sen televisión poderán contratar Movistar Plus+ como un paquete adicional por 6 euros ao mes. Trátase dunha redución considerable respecto do prezo habitual da plataforma, situado nos 9,99 euros mensuais.
A opción dá acceso a un catálogo de máis de 80 canles, con películas, series, programas, documentais, producións orixinais de Movistar Plus+ e contidos internacionais. Tamén hai presenza importante do deporte, incluíndo partidos de LaLiga, Champions League e Premier League, ademais de tenis, pádel, golf, rugby e atletismo, entre outros.
Deste xeito, as usuarias de O2 poden incorporar televisión á súa tarifa sen necesidade de cambiar a unha modalidade que xa inclúa TV.
Dispositivos desde 0 euros para tarifas de 40 euros
A outra gran novidade afecta ao programa de dispositivos de O2. Desde hoxe, as persoas con tarifas a partir de 40 euros ao mes poderán acceder a unha selección de dispositivos que se poden incorporar á súa tarifa desde 0 euros.
Entre os dispositivos dispoñibles desde 0 euros estará o Samsung Galaxy A17, que se converte no primeiro smartphone 5G que O2 ofrece gratuitamente dentro deste programa.
Unha nova tarifa de 15 GB por 5 euros
Estas novidades chegan poucos días despois doutra incorporación ao catálogo de O2. Desde o 18 de agosto, a operadora ofrece unha nova tarifa móbil con 15 GB por 5 euros ao mes.
A tarifa inclúe tamén chamadas e SMS ilimitados a fixos e móbiles nacionais e acceso á cobertura 5G de Movistar, que O2 asegura que chega a máis do 95 % da poboación.
Así, a operadora está a reforzar a súa oferta tanto no segmento das tarifas móbiles económicas como no acceso a televisión e dispositivos.
