Novos auriculares CMF Buds Neo, con cancelación de ruído, Bluetooth 6.0 e até 52 horas de autonomía por pouco máis de 20 euros

CMF continúa ampliando o seu catálogo de dispositivos económicos e acaba de presentar oficialmente os CMF Buds Neo, uns novos auriculares sen fíos que buscan ofrecer algunhas das funcións máis interesantes da gama actual sen disparar o prezo.

A proposta inclúe cancelación activa de ruído (ANC), Bluetooth 6.0, conexión simultánea a dous dispositivos e ata 52 horas de autonomía, contando co estoxo de carga.

ANC de ata 35 dB e controladores de 12,4 mm

Os CMF Buds Neo utilizan un deseño intraauricular e incorporan controladores dinámicos de 12,4 mm, unha cifra considerable para uns auriculares deste segmento.

Un dos seus principais reclamos é a cancelación activa de ruído (ANC) de ata 35 dB, que permite reducir o ruído ambiental mentres escoitamos música ou outro tipo de contido. Para as chamadas tamén incorporan cancelación de ruído ambiental (ENC) e un total de catro micrófonos.

A parte de son complétase cun ecualizador personalizable e audio espacial estático, mentres que son compatibles cos códecs AAC e SBC.

Bluetooth 6.0 e dous dispositivos á vez

CMF tamén aposta por conectividade actualizada. Os Buds Neo incorporan Bluetooth 6.0 e son compatibles con Google Fast Pair e Microsoft Swift Pair para facilitar o emparellamento.

Ademais, permiten manter dous dispositivos conectados simultaneamente, unha función especialmente útil para quen utiliza os auriculares tanto co móbil como cun ordenador ou tablet.

Así, por exemplo, podemos estar escoitando música no ordenador e responder unha chamada no teléfono sen ter que desconectar e volver emparellar os auriculares.

Ata 52 horas de autonomía

A batería é outro dos puntos fortes dos CMF Buds Neo. Segundo CMF, os auriculares ofrecen até 11 horas de reprodución cos auriculares, sen ANC, que suben até as 52 horas contando co estoxo, sen ANC. Co ANC activado esta autonomía queda nas 8 ou 30 horas, respectivamente.

Polo tanto, activar a cancelación de ruído ten un impacto considerable na autonomía, pero mesmo con ANC os Buds Neo ofrecen ata 30 horas de reprodución total.

Un deseño diferente para o estoxo

CMF mantén tamén a súa aposta por deseños facilmente recoñecibles. O estoxo de carga ten unha forma cadrada con esquinas redondeadas, incorpora un dial circular e dispón dun pequeno orificio para colocar unha correa.

Os auriculares, pola súa banda, teñen un deseño intraauricular e estarán dispoñibles en negro, azul escuro e branco.

En canto á resistencia, os auriculares contan con certificación IP55 contra po e auga, mentres que o estoxo ten certificación IPX2.

Por agora, só en India

Os CMF Buds Neo sairán á venda en India o próximo 26 de agosto, a través de Flipkart e determinados distribuidores. O seu prezo é de 1.999 rupias, aproximadamente 20 euros ao cambio.

Por agora, CMF non anunciou información sobre unha posible chegada destes auriculares a Europa, polo que teremos que esperar para saber se os Buds Neo acabarán vendéndose oficialmente e a que prezo.

Sobre o autor

Reply