A competencia no mercado das telecomunicacións volve subir de nivel. DIGI acaba de duplicar a velocidade da súa tarifa Fibra SMART, pasando de 1 a 2 Gbps sen ningún incremento no prezo, que se mantén en 20 euros ao mes.
A mellora está dispoñible desde onte, e converte a conexión de 2 Gbps nunha das principais apostas do operador para diferenciarse nun mercado no que as velocidades de fibra continúan aumentando mentres os prezos se manteñen relativamente estables.
2 Gbps por 20 euros ao mes
A nova tarifa Fibra SMART ofrece agora unha velocidade simétrica de ata 2 Gbps polo mesmo prezo que anteriormente tiña a modalidade de 1 Gbps, o que permite ás usuarias dispoñer de máis capacidade nas súas conexións.
Isto pode ser relevante en vivendas nas que hai moitos dispositivos conectados, ou se adoitamos traballar con grandes volumes de datos, xa que poderemos descargar ficheiros grandes en menos tempo. Tamén mellora a experiencia nos xogos en liña e consegue unha maior fluidez ao reproducir contido en streaming, especialmente se apostamos polas calidades superiores.
Porén, hai un detalle importante que hai que ter en conta. Para acceder a esta velocidade é necesario dispoñer de cobertura de fibra SMART con tecnoloxía XGS-PON, non estando a oferta dispoñible para usuarias que teñen contratado Digi a través de outras redes.
Wi-Fi 7 para aproveitar os 2 Gbps
A nova oferta tamén dá un paso adiante no equipamento incluído. As novas usuarias que dispoñan de cobertura compatible recibirán un router con XGS-PON e Wi-Fi 7, unha combinación pensada para aproveitar mellor a velocidade da conexión dentro do fogar.
DIGI sinala que este novo estándar sen fíos permite obter ata un 30% máis de cobertura Wi-Fi no fogar, ademais de ofrecer maior velocidade, menor latencia e capacidade para conectar simultaneamente máis dispositivos.
Isto último é especialmente relevante nun momento no que nunha vivenda poden convivir decenas de dispositivos conectados: televisores, teléfonos, ordenadores, consolas, cámaras, asistentes intelixentes ou electrodomésticos.
Que pasa coas usuarias actuais de fibra Digi de 1 Gbps
Un dos puntos máis interesantes da nova oferta é que as usuarias actuais de Fibra SMART de 1 Gbps tamén poderán beneficiarse da duplicación de velocidade. Porén, dependerá do router que teñan instalado e da cobertura XGS-PON dispoñible na súa zona.
Nalgúns casos, os 2 Gbps activaranse automaticamente, mentres que noutros será necesario cambiar o router actual por un modelo compatible con Wi-Fi 7. As propias clientas poden comprobar a súa situación desde Mi DIGI, a área de usuarias do operador.
Se é necesario substituír o equipamento, DIGI establece un custo de 30 euros se son as usuarias as que realizan a autoinstalación, ou de 60 euros se se prefire que un técnico da compañía se encargue da instalación e da retirada do router anterior.
DIGI volve apertar a competencia
Este movemento resulta especialmente interesante e amosa como a compañía está a utilizar a súa rede de fibra como unha das súas principais armas competitivas, apostando por máis velocidade sen trasladar o incremento de capacidade á factura.
A rede Fibra SMART da compañía emprega progresivamente tecnoloxía XGS-PON, que permite ofrecer velocidades moi superiores ás das conexións tradicionais de fibra. Segundo os datos facilitados por DIGI, o despregamento de XGS-PON xa alcanza o 95% da cobertura da rede de fibra despregada pola compañía no conxunto do Estado..
Agora queda por ver se a competencia responde cunha mellora similar. Se o fan, unha vez máis, as beneficiarias destas “guerras de operadoras” seremos, por unha vez, as usuarias.
