Telefónica reforzará a súa rede móbil en Boimorto esta fin de semana con motivo da celebración do Festival da Luz. A compañía despregará unha unidade móbil equipada con 5G de altas prestacións e realizará actuacións de optimización da rede desde este venres e até o vindeiro 31 de agosto.
O obxectivo é garantir a calidade do servizo de voz e datos durante unha cita que cada ano reúne a milleiros de persoas na localidade coruñesa.
Máis capacidade para un evento multitudinario
A unidade móbil permitirá incrementar temporalmente a capacidade da rede e a velocidade de transmisión de datos nun momento no que se produce un importante aumento do uso das comunicacións móbiles.
Este tipo de reforzos resultan especialmente relevantes en grandes eventos, onde milleiros de persoas se concentran nun espazo reducido e utilizan simultaneamente os seus teléfonos para compartir fotografías e vídeos, consultar información ou realizar chamadas.
A actuación en Boimorto forma parte do Plan Verán de Telefónica, co que a operadora busca responder ao incremento da demanda de conectividade durante os eventos musicais, culturais e gastronómicos que se celebran en Galiza durante os meses estivais.
Reforzos en 74 grandes eventos de Galiza
O Festival da Luz non é o único evento galego no que Telefónica está a reforzar a súa rede este verán. Na provincia da Coruña, a compañía programou melloras na capacidade da súa cobertura móbil en 26 eventos, entre os que se atopan citas como a Romería da Barca de Muxía ou a Festa da Empanada de Carral.
No conxunto de Galiza, o plan estival contempla actuacións en 74 grandes eventos celebrados ou previstos até o mes de setembro.
Ademais dos reforzos temporais, Telefónica tamén está a realizar traballos de optimización nas infraestruturas xa existentes e novos despregamentos en zonas do litoral, con actuacións en municipios como A Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo.
O 5G xa chega ao 95 % da poboación galega
Segundo os datos facilitados pola compañía, a cobertura 5G de Telefónica acada xa ao 95 % da poboación de Galia, con máis de 280 concellos nos que está dispoñible esta tecnoloxía.
No conxunto do Estado, a operadora asegura contar con cobertura 5G para máis do 96 % da poboación, chegando a máis de 6.200 concellos a través das bandas de 3.500 MHz, 700 MHz ou ambas.
