YouTube Premium sobe de prezo até os 15,99 euros ao mes

YouTube Premium volve subir e prezo. Google comezou a comunicar ás usuarias a nova subida de prezo da súa subscrición, que permite ver YouTube sen os anuncios integrados na plataforma, ademais de incluír outras vantaxes como YouTube Music sen publicidade, reprodución en segundo plano e descarga de vídeos.

A subida afecta tanto ao plan individual como ao familiar e chega menos de dous anos despois do anterior incremento.

YouTube Premium pasa a custar 15,99 euros ao mes

A principal novidade está no prezo da subscrición individual. YouTube Premium pasa de 13,99 a 15,99 euros mensuais, o que supón un incremento de dous euros ao mes. O servizo custaba anteriormente 11,99 euros mensuais, polo que en apenas dous anos o prezo acumulou un incremento de 4 euros ao mes, aproximadamente un 33 %.

A subida é aínda maior no caso do YouTube Premium Familiar, que pasa dos 25,99 aos 29,99 euros ao mes, catro euros máis por mes no plan que permite engadir até cinco usuarias adicionais.

Mantense, iso si, o prezo do plan para estudantes, que continúa nos 10,99 € ao mes.

O que ofrece YouTube Premium por 15,99 euros

A principal vantaxe de YouTube Premium continúa sendo eliminar os anuncios que aparecen nos vídeos de YouTube. Cómpre lembrar que isto non elimina necesariamente a publicidade que os propios creadores introducen dentro dos seus vídeos en formade comentarios ou mencións.

A subscrición tamén inclúe YouTube Music Premium sen publicidade e outras funcionalidades técnicas como a reprodución de vídeos en segundo plano no móbil ou a descarga de vídeos para velos sen conexión.

Google tamén está engadindo novas funcións a Premium, especialmente relacionadas coa experiencia de consumo de contido, aínda que para meirande parte das usuarias do plan de pago o principal motivo para contratalo segue sendo simplemente poder utilizar YouTube sen publicidade.

Sobre o autor

Reply