O Samsung Galaxy S27 Ultra cambiaría de deseño, segundo as primeiras filtracións

Samsung estaría preparando un cambio de deseño importante para a próxima xeración da súa gama alta. As primeiras filtracións do Galaxy S27, previsto para comezos de ano, apuntan a que a compañía surcoreana recuperaría unha idea que xa tería barallado para xeracións anteriores: integrar as cámaras traseiras nunha gran estrutura horizontal elevada.

Unha barra de cámaras que cambia completamente a traseira

A principal novidade estaría na parte posterior. Nas últimas xeracións, Samsung apostou por cámaras independentes que sobresaen directamente da tapa traseira do teléfono. Co Galaxy S27, polo menos no modelo Ultra, isto podería cambiar.

As filtracións mostran unha especie de plataforma elevada que atravesaría horizontalmente a parte superior do teléfono, integrando as cámaras e o flash nun único módulo.

O resultado lembra inevitablemente a solución utilizada por outros fabricantes, especialmente Apple, aínda que o deseño final de Samsung tería as súas propias particularidades.

Por agora, ademais, existe certa incerteza sobre o alcance deste cambio. As fontes non coinciden en se a nova estética será exclusiva do Galaxy S27 Ultra ou se tamén chegará a outros modelos da familia.

Algunhas filtracións apuntan a que os modelos estándar manterían un deseño similar ao da xeración actual, mentres que outras fontes falan de ata dous tamaños de pantalla con esta nova configuración.

Tres cámaras nun módulo completamente renovado

A distribución das cámaras tamén cambiaría. Segundo as informacións filtradas, na zona esquerda do módulo situaríanse dous sensores colocados verticalmente, un encima do outro. Xunto a eles aparecería un terceiro sensor dentro dunha estrutura con forma de píldora. O flash quedaría integrado no propio módulo.

Esta modificación podería estar relacionada cunha decisión importante no apartado fotográfico: Samsung estaría estudando eliminar un dos dous sensores telefoto utilizados actualmente nos modelos Ultra.

A medida permitiría reducir custos de fabricación, aínda que suporía renunciar a parte da versatilidade fotográfica que caracteriza os modelos máis avanzados da serie Galaxy S.

Un Ultra con batería de 6.000 mAh

O redeseño exterior non sería a única novidade importante. Un dos rumores máis interesantes apunta a que o Galaxy S27 Ultra podería incorporar unha batería próxima aos 6.000 mAh.

De confirmarse, sería un incremento relevante fronte ás capacidades que Samsung viña utilizando nos seus modelos Ultra e respondería a unha das demandas máis habituais das usuarias, na liña do que están a ofrecer as marcas chinesas neste 2026,

A mellora sería especialmente interesante se Samsung consegue combinala cunha maior eficiencia enerxética dos novos compoñentes. En calquera caso, como todo o demáis, polo de agora non hai confirmación oficial da capacidade exacta da batería.

Sobre o autor

Reply