O novo móbil tripemente encartábel, o Huawei Mate XT 2, chegará o 7 de setembro

Huawei xa puxo data ao seu próximo gran teléfono encartábel. A compañía confirmou que o Huawei Mate XT 2 será presentado o próximo 7 de setembro en China, nun evento no que tamén terá protagonismo HarmonyOS 7.

O novo dispositivo será o sucesor do Mate XT, un dos teléfonos máis peculiares do mercado ao apostar por unha pantalla capaz de pregarse en tres partes. Por agora, Huawei non revelou oficialmente as especificacións do novo modelo, pero as filtracións xa permiten facerse unha idea do que podemos esperar.

Un novo sistema de encartado

Un dos cambios máis importantes podería estar precisamente no mecanismo de encartado. Segundo as informacións filtradas, o Mate XT 2 podería abandonar o sistema utilizado polo seu predecesor para apostar por un deseño de encartado cara ao interior.

Esta modificación permitiría que o teléfono conte cunha pantalla exterior para utilizar o dispositivo cando está pechado e cunha gran pantalla flexible interior cando se desprega completamente. Trataríase dunha evolución importante para un formato que aínda está dando os seus primeiros pasos no mercado.

As filtracións tamén apuntan a que Huawei podería situar un gran módulo circular de cámaras no panel central do dispositivo. Esta configuración diferenciaría visualmente o Mate XT 2 doutros teléfonos encrtables e permitiría integrar as cámaras nunha das zonas estruturais do teléfono.

Unha pantalla que se transforma

A principal característica do Mate XT 2 seguirá sendo a súa capacidade para ofrecer diferentes formatos dependendo de como se utilice.

Pechado, funcionaría como un smartphone convencional grazas á pantalla exterior. Ao abrilo parcialmente, podería ofrecer unha superficie de visualización maior, mentres que completamente despregado permitiría contar cunha gran pantalla flexible, máis próxima á experiencia dunha tableta.

É precisamente esta capacidade de pasar dun teléfono a unha pantalla de grandes dimensións a que converte os dispositivos da familia Mate XT nunha das propostas máis particulares do mercado.

Kirin 9050 Pro e tres cámaras

No apartado do hardware, as filtracións apuntan a que o Huawei Mate XT 2 estará equipado co Kirin 9050 Pro. Por agora non se coñecen detalles oficiais sobre o rendemento deste procesador, xa que Huawei aínda non revelou as características completas do dispositivo.

O apartado fotográfico estaría formado por unha configuración traseira de tres cámaras, integrada no mencionado módulo circular. Huawei tampouco confirmou aínda as resolucións ou as funcións concretas dos sensores.

Outra das características que máis chama a atención é a batería. O Mate XT 2 podería incorporar unha batería de 6.000 mAh ou incluso superior, unha capacidade especialmente interesante tendo en conta que estamos ante un dispositivo con varias pantallas e unha gran superficie flexible.

Nun teléfono deste tipo, a autonomía é un aspecto especialmente importante, xa que unha pantalla de grandes dimensións pode incrementar considerablemente o consumo enerxético. Se finalmente Huawei aposta por unha capacidade superior aos 6.000 mAh, o Mate XT 2 podería converter este apartado nun dos seus principais argumentos.

HarmonyOS 7 tamén será protagonista

O evento do 7 de setembro non estará dedicado exclusivamente ao novo teléfono encartábel. Huawei confirmou que aproveitará a presentación para mostrar tamén HarmonyOS 7, a nova versión do seu sistema operativo.

A compañía xa anunciou esta versión, que incorpora cambios na interface e melloras de rendemento, polo que o Mate XT 2 podería converterse nun dos primeiros dispositivos en aproveitar plenamente as novidades do novo sistema.

Ademais, segundo o coñecido filtrador Digital Chat Station, Huawei podería aproveitar o evento para ofrecer máis información sobre o Pura X View e o procesador Kirin 9030S, recentemente anunciados.

Presentación o 7 de setembro

O Huawei Mate XT 2 será presentado en China o 7 de setembro de 2026, e será entón cando a compañía revele oficialmente o seu deseño definitivo, as especificacións, o prezo e a dispoñibilidade.

Se as filtracións acaban sendo certas, Huawei estaría preparando un dos teléfonos máis ambiciosos e tecnicamente particulares de 2026, cun formato de triple encartado que aínda ten moito camiño por percorrer para converterse nun produto habitual no mercado.

Sobre o autor

Reply