Novo Sony Xperia 10 VIII, con deseño renovado, dous días de batería e seis anos de actualizacións

Sony renovou a súa proposta para a gama media coa presentación do Xperia 10 VIII, un teléfono que aposta por un deseño máis cómodo e manexable sen renunciar a algunhas das características que tradicionalmente diferencian os móbiles da compañía.

O novo modelo chega cunha pantalla de 6,1 polgadas con resolución Full HD+ e 120 Hz, unha batería de 5.000 mAh e soporte de software prolongado. Tamén mantén elementos pouco habituais na gama media actual, como os altofalantes estéreo frontais e o conector de auriculares de 3,5 mm.

Un deseño pensado para usar cunha man

Un dos principais cambios do Xperia 10 VIII está no deseño. Sony aposta por un chasis orientado á comodidade e ao uso prolongado, cun formato que busca facilitar o manexo do teléfono cunha soa man.

A pantalla mantén as 6,1 polgadas, cun panel Full HD+ que agora alcanza os 120 Hz para ofrecer maior fluidez ao navegar pola interface ou desprazarse polas aplicacións.

Sony tamén asegura que o brillo máximo aumentou un 50 % respecto da xeración anterior, mentres que o teléfono incorpora un sistema de axuste automático da cor para adaptar a representación da pantalla ás condicións ambientais.

Sony mantén os altofalantes frontais e o jack de 3,5 mm

No apartado multimedia, Sony continúa apostando por unha configuración que xa non é habitual nos smartphones actuais: dous altofalantes situados na parte frontal.

A compañía asegura que mellorou especialmente a reprodución das frecuencias baixas, aproveitando os marcos superior e inferior do dispositivo para colocar os altofalantes.

A outra característica que sobrevive é o conector de auriculares de 3,5 mm, ao que se engaden melloras na conectividade Bluetooth.

Unha cámara principal máis grande

O Xperia 10 VIII simplifica o sistema fotográfico traseiro e prescinde do teleobxectivo dedicado. A configuración queda formada por dúas cámaras.

A principal utiliza un sensor de 50 megapíxeles considerablemente maior que o da xeración anterior: pasa de 1/2 polgada a 1/1,56 polgadas. Sobre o papel, este incremento permite captar máis luz e mellorar os resultados en condicións menos favorables.

Sony tamén utiliza un recorte do sensor para ofrecer un zoom de 2 aumentos, buscando conseguir un resultado similar ao dun zoom óptico sen unha cámara telefoto específica.

A segunda cámara é un ultra gran angular de 13 megapíxeles, mentres que para os selfies e as videochamadas o teléfono incorpora unha cámara frontal de 8 megapíxeles.

Batería de 5.000 mAh e Snapdragon 6 Gen 3

A autonomía é outro dos grandes argumentos do Xperia 10 VIII. O teléfono incorpora unha batería de 5.000 mAh e Sony afirma que pode alcanzar dous días de uso.

A compañía combina esta capacidade coa eficiencia do procesador (un Qualcomm Snapdragon 6 Gen 3), para prolongar a autonomía. Non se especificaron, por agora, as velocidades de carga do dispositivo.

Incorpora 8 GB de RAM, se ben o teléfono tamén permite utilizar ata 6 GB adicionais como memoria RAM virtual empregando parte do almacenamento interno. A capacidade de almacenamento de partida é de 128 GB, aínda que existe a posibilidade de ampliala mediante unha tarxeta microSD de ata 2 TB, algo que tamén resulta cada vez menos habitual entre os smartphones actuais.

Dispón tamén de certificación IP65/IP68, polo que está protexido fronte ao po e á auga, mentres que na pantalla mprega Corning Gorilla Glass Victus.

En canto ao software, Sony promete catro anos de actualizacións do sistema operativo Android e seis anos de actualizacións de seguridade desde o lanzamento. Isto permite ao Xperia 10 VIII situarse como unha alternativa especialmente interesante para quen valore a lonxevidade do dispositivo e non queira cambiar de móbil cada poucos anos.

Unha gama media diferente

O Xperia 10 VIII non parece buscar competir unicamente por especificacións. Sony mantén algunhas das súas apostas características, como os altofalantes frontais, o jack de 3,5 mm, a microSD ou o formato compacto, e combina estas cunha pantalla de 120 Hz, unha batería de gran capacidade e un compromiso de actualizacións pouco habitual nesta categoría.

Estará dispoñíbel ao longo do mes de setembro en diversos mercados europeos por confirmar, ademais de Xapón e reino Unido, por 599 €.

Sobre o autor

Reply