TCL presentou catro novas tabletas TAB A1, con pantallas de ata 12,2 polgadas e NXTPAPER

TCL aproveitou a súa presenza na IFA de Berlín para anunciar a nova familia de tablets TCL TAB A1, formada por catro modelos que buscan cubrir necesidades bastante diferentes.

A nova gama está composta pola TCL TAB A1, TCL TAB A1 NXTPAPER, TCL TAB A1 Plus e TCL TAB A1 Plus NXTPAPER, unha fórmula coa que ofrecen dous tamaños de pantalla (11 e 12,2 polgadas) e dúas experiencias de visualización (pantalla convencional ou tecnoloxía NXTPAPER).

Catro tabletas, dúas maneiras de entender unha pantalla

A TCL TAB A1 e a súa versión NXTPAPER teñen unha pantalla de 11 pulgadas con resolución 2,1K e unha taxa de refresco de ata 90 Hz. Son as opcións máis orientadas á portabilidade, cun grosor de só 6,2 mm.

Por riba sitúanse as TCL TAB A1 Plus, que aumentan o tamaño até as 12,2 pulgadas e a resolución até 2,4K. Ademais, incorporan unha relación de aspecto 3:2 e unha frecuencia de actualización de ata 120 Hz, polo que ofrecen máis superficie para navegar, ver vídeos ou traballar con varias aplicacións simultaneamente.

A outra gran diferenza está na pantalla NXTPAPER. TCL emprega esta tecnoloxía nos dous modelos correspondentes para ofrecer unha experiencia máis cómoda durante sesións prolongadas de lectura, estudo ou traballo, con tratamentos antirreflexos, baixa reflexión e control da luz azul a nivel de hardware.

TCL TAB A1 e TAB A1 NXTPAPER

A TCL TAB A1 é o modelo de entrada da familia, pero conta con características suficientes para cubrir boa parte das necesidades habituais. Dispón dunha pantalla de 11 pulgadas 2,1K (2.112 x 1.320 píxeles), con refresco adaptativo de ata 90 Hz. O seu corpo metálico Space Blue ten un grosor de 6,2 mm e un peso de 430 gramos, mentres que a certificación IP54 ofrece protección fronte ao po e ás salpicaduras accidentais.

No interior atopamos un MediaTek Helio G100, acompañado de 6 GB de RAM e ata 10 GB adicionais mediante expansión de memoria. O almacenamento é de 128 GB e pódese ampliar mediante unha tarxeta microSD de ata 2 TB.

A batería acada os 8.000 mAh e admite carga de ata 20 W. Tamén conta con catro altofalantes e cámaras de 5 MP diante e 8 MP detrás.

Outro detalle interesante é que chega con Android 16 e funcións de intelixencia artificial para tarefas como buscar información, escribir, traducir ou organizar o día a día.

Se a prioridade non é só o consumo de multimedia ou a navegación polas redes e web, a TCL TAB A1 NXTPAPER introduce unha característica que pode marcar a diferenza: a súa pantalla NXTPAPER. Mantén o tamaño de 11 pulgadas e resolución 2,1K, pero engade tratamentos antirreflexos e de baixa reflexión, ademais do control de luz azul a nivel de hardware.

Como xa temos visto en modelos anteriores da marta, permite ás usuarias escoller entre tres modos de visualización: normal, para utilizar a pantalla a toda cor; Papel de Color, cunha aparencia máis próxima ao papel; e Ink Paper Mode, que aposta por unha visualización monocroma especialmente orientada á lectura.

Tamén se pode combinar co T-Pen 2 para escribir a man, debuxar ou tomar notas. TCL incorpora ademais ferramentas como Google Gemini, Circle to Search e TCL Note, polo que é probablemente a versión máis interesante para estudantes ou usuarias que lean e escriban habitualmente na tableta.

TCL TAB A1 Plus e A1 Plus NXTPAPER

Quen prefira unha tableta grande ten na TCL TAB A1 Plus unha pantalla de 12,2 pulgadas con resolución 2,4K (2.400 x 1.600 píxeles). O formato 3:2 é especialmente interesante para navegar por Internet, consultar documentos ou utilizar a pantalla dividida, mentres que os 120 Hz proporcionan maior fluidez. O brillo alcanza os 450 nits en condicións normais e 550 nits co modo Sunlight Display.

O procesador neste caso é o Snapdragon 4 Gen 2, acompañado de 6 GB de RAM, ata 10 GB de expansión e 128 GB de almacenamento, tamén ampliables mediante microSD de ata 2 TB.

A batería mantense nos 8.000 mAh, con carga de ata 20 W, e o equipamento inclúe catro altofalantes. O seu corpo metálico mide 6,7 mm e pesa 542 gramos.

Ademais, é compatible co T-Pen 2, cun teclado Smart Keyboard Case e cunha Flip Case, polo que pode converterse nunha ferramenta algo máis próxima a un pequeno ordenador portátil para tarefas de produtividade lixeira.

No alto da gama sitúase a TCL TAB A1 Plus NXTPAPER, que combina a pantalla máis grande da familia coa tecnoloxía NXTPAPER e algunhas melloras importantes no hardware. Temos novamente 12,2 pulgadas, resolución 2,4K, formato 3:2 e 120 Hz, pero neste caso coa experiencia NXTPAPER. A pantalla ofrece 400 nits de brillo estándar e até 500 nits co modo Sunlight Display.

TCL engade ademais unha tecla NXTPAPER dedicada, que permite cambiar rapidamente entre os diferentes modos de pantalla.

O modelo está especialmente pensado para produtividade: TCL Note permite escribir a man, introducir texto, gravar audio e organizar notas, mentres que as ferramentas de IA poden axudar a resumir, reescribir ou estruturar o contido.

Aquí tamén aumenta considerablemente o almacenamento, con 256 GB, mentres que a memoria RAM queda en 6 GB máis ata 10 GB de expansión.

Pero a gran diferenza está na batería: 10.000 mAh con carga de ata 33 W, unha combinación pensada para ofrecer máis autonomía en xornadas de estudo, traballo ou entretemento.

Android 16 e intelixencia artificial nos catro modelos

Independentemente da versión escollida, toda a familia TCL TAB A1 funciona con Android 16.

Segundo o modelo e o mercado, TCL incorpora ferramentas como Google Gemini, Circle to Search, Asistente de texto, Tradutor intelixente, subtítulos en tempo real, Nota de voz intelixente, TCL Notes e Magic Hub.

Tamén se inclúen funcións de multiventá, pensadas para facilitar o uso simultáneo de varias aplicacións.

Para quen queira utilizar a tableta como ferramenta de escritura, o T-Pen 2 ofrece 4.096 niveis de sensibilidade á presión e puntas intercambiables. Tamén existe a Smart Keyboard Case para os modelos compatibles.

Así queda a nova familia TCL TAB A1

A nova estratexia de TCL resulta interesante porque non tenta facer unha única tableta para todo o mundo. En vez diso, permite escoller primeiro entre tamaño (11 ou 12,2 polgadas) e despois entre unha pantalla convencional ou NXTPAPER.

Así, a TAB A1 parece a opción máis sinxela para consumo multimedia e uso diario, mentres que as versións NXTPAPER teñen máis sentido para quen lea, estude ou tome notas durante longos períodos. Pola súa banda, as TAB A1 Plus gañan atractivo para aqueles que prefiren unha pantalla grande, especialmente se a intención é combinar entretemento con produtividade.

TCL presentou a serie no marco de IFA 2026, pero a información facilitada non concreta neste momento os prezos nin a dispoñibilidade de cada configuración no mercado español

Sobre o autor

Reply