MediaTek estrea o Dimensity 9600 Pro, o primeiro chip móbil fabricado en 2 nanómetros

MediaTek volve marcar o paso na industria dos semicondutores móbiles coa presentación do Dimensity 9600 Pro, un chipset de gama alta que se converte no primeiro do mercado en empregar o proceso de fabricación de 2 nanómetros. O fabricante taiwanés sitúa así este novo SoC como o buque insignia da súa familia Dimensity, centrado en combinar potencia bruta, eficiencia enerxética e capacidades avanzadas de intelixencia artificial “axéntica”, é dicir, sistemas de IA capaces de actuar de forma autónoma en nome do usuario.

Segundo a compañía, o obxectivo do chip é responder a unhas esixencias de rendemento e intelixencia cada vez maiores por parte dos usuarios, apostando por unha arquitectura pensada desde a orixe para a IA no propio dispositivo.

Unha CPU máis rápida e IA sen depender na nube

O núcleo de procesamento do Dimensity 9600 Pro adopta un deseño de oito núcleos organizados en tres niveis (2+3+3): dous núcleos de máximo rendemento a até 4,55 GHz, tres núcleos grandes a 4,35 GHz e outros tres a 3,1 GHz. MediaTek asegura que esta configuración permite un incremento de rendemento de ata un 17% en tarefas de un só núcleo e un 15% en cargas multinúcleo respecto á xeración anterior, ao tempo que reduce o consumo enerxético en cargas multinúcleo nun 61%.

Outro dos piares do novo chip é a súa arquitectura dobre de NPU (unidade de procesamento neuronal). A NPU superficiente de segunda xeración recorta un 40% o consumo en tarefas de IA permanentemente activas, mentres que a NPU 1090 mellora un 51% o procesamento inicial de modelos de linguaxe e un 55% a xeración de tokens por vatio consumido. Isto permítelle executar localmente modelos de ata 30.000 millóns de parámetros, abrindo a porta a funcións como análise intelixente de datos no propio terminal, asistencia proactiva ou respostas personalizadas que se adaptan aos hábitos das usuarias

Para coordinar CPU e NPU, MediaTek incorpora a súa arquitectura AI Computing Fusion, apoiada por unha caché ampliada de 34,5 MB e, por primeira vez nun chip da marca, compatibilidade con memoria LPDDR6 e almacenamento UFS 5.0. Un motor de planificación mellorado xestiona de forma dinámica os recursos de cómputo, enerxía e memoria para manter varias aplicacións funcionando en segundo plano sen perda de fluidez.

Máis potencia gráfica para os videoxogos e fotografía computacional

En materia gráfica, a nova GPU G2-Ultra NX achega até un 27% máis de rendemento máximo, un 24% menos de consumo enerxético nese pico de rendemento e un 18% de mellora na velocidade do trazado de raios (ray tracing), o que permite xogos con calidade de consola a ata 185 fotogramas por segundo. A isto súmase a nova arquitectura Dimensity Neural Graphics, que combina cómputo gráfico e intelixencia artificial, xunto co motor HyperEngine da propia MediaTek, orientado a optimizar a xogabilidade en tempo real.

O apartado de imaxe tamén recibe un salto notable grazas ao novo procesador de sinal de imaxe (ISP) Imagiq 1290 e á arquitectura Dimensity AI Imaging Fusion, que une as capacidades do ISP e da NPU. Entre as novas funcións destacan a captura de movemento a 60 fps asistida por IA, vídeo nativo en 4K a 240 fotogramas por segundo en cámara ultra lenta, gravación 4K a 60 fps con corrección automática de cor, vídeo cinematográfico 4K a 120 fps e un rango dinámico de ata 17 puntos EV tanto en foto como en vídeo.

O Dimensity 9600M, a versión máis accesible

Xunto co modelo Pro, MediaTek presenta tamén o Dimensity 9600M, pensado para levar boa parte destas prestacións de gama alta a un público máis amplo.

Este chip comparte filosofía de deseño co seu irmán maior (entre eles o Agentic AI Engine e o motor de planificación) e ofrece IA sempre activa, mellora de imaxe en tempo real, captura profesional con seguimento en directo e xogabilidade fluída de ata 185 fps, apoiada por tecnoloxías de conectividade avanzadas.

Cando chegarán os primeiros móbiles

De acordo coa compañía, os primeiros smartphones equipados co Dimensity 9600 Pro e o Dimensity 9600M chegarán ao mercado neste mesmo trimestre, o que sitúa a MediaTek nunha posición de vantaxe fronte aos seus competidores á hora de estrear a fabricación en 2 nanómetros no segmento móbil.

Sobre o autor

Reply