A gama Edge de Motorola leva tempo buscando ese difícil equilibrio entre deseño, características e prezo, e o Motorola Edge 70 Fusion chega cunha proposta especialmente interesante para quen non queira gastar unha fortuna pero tampouco estea disposto a renunciar a unha boa experiencia de uso. O seu deseño fino, a pantalla AMOLED de 144 Hz, o Snapdragon 7s Gen 3 e unha cámara principal estabilizada forman unha combinación equilibrada.
Estivemos probando o Motorola Edge 70 Fusion durante varias semanas como teléfono de uso habitual, empregándoo para chamadas, mensaxería, redes sociais, fotografía, navegación, consumo multimedia e todo tipo de tarefas cotiás. E se hai unha característica que acabou destacando por riba das demais, esa é a autonomía: Motorola consegue introducir unha batería enorme nun corpo de menos de oito milímetros de grosor sen sacrificar en exceso a ergonomía.
Deseño e acabado
Un dos aspectos que máis sorprende do Motorola Edge 70 Fusion é o seu grosor. Estamos ante un teléfono de 7,99 mm, unha cifra especialmente destacable cando descubrimos que no seu interior pode levar unha batería de ata 7.000 mAh.
Non é habitual atopar unha combinación deste tipo. Se ben neste último ano foise avanzando neste aspecto, os móbiles con baterías tan grandes adoitan pagar a factura en peso e grosor. Motorola conseguiu manter o Edge 70 Fusion nun formato relativamente fino e, sobre todo, moi cómodo na man.

A ergonomía é un dos seus grandes puntos fortes. A pantalla conta con dobre curvatura, o que facilita o agarre e fai que o teléfono resulte extremadamente cómodo de manexar. A traseira tamén contribúe a esta sensación, xa que conta cunha textura que facilita o agarre e evita que o dispositivo resulte excesivamente esvaradío.
As dimensións son de 162,8 x 75,6 x 7,99 mm, cun peso de 193 gramos. Tendo en conta o tamaño da pantalla e a capacidade da batería, son cifras bastante contidas.
Ademais, Motorola tamén fixo un esforzo importante no apartado da resistencia. O Edge 70 Fusion conta con certificación IP68 e IP69, que lle proporciona unha elevada protección fronte á entrada de po e á auga. A isto engádese a certificación MIL-STD-810H, pensada para garantir resistencia fronte a diferentes condicións de uso. Na parte frontal encontramos ademais Gorilla Glass 7i, polo que a pantalla tamén conta cunha protección específica.
A todo isto hai que sumar que Motorola inclúe unha funda protectora na caixa, polo que podemos comezar a utilizar o teléfono con algo máis de protección desde o primeiro momento sen ter que mercar un accesorio adicional.
Os botóns físicos están situados no lateral dereito. Na parte inferior encontramos o botón de acendido e, xusto por riba, os controis de volume. A súa disposición resulta cómoda e permite acceder a eles con facilidade.
Na pantalla tamén temos o lector de pegadas dixitais óptico, integrado baixo o panel. O seu funcionamento durante a nosa proba foi bo, tanto pola rapidez como pola fiabilidade no recoñecemento da pegada.
Hardware e rendemento
No interior do Motorola Edge 70 Fusion encontramos o Qualcomm Snapdragon 7s Gen 3, un procesador de gama media-alta que ofrece un equilibrio interesante entre potencia e consumo. Nas versións que se venden no noso mercado, a memoria RAM é de 8 GB, mentres que o almacenamento é de 256 GB, utilizando memoria uMCP.
A conectividade tamén está á altura do que podemos esperar actualmente: temos 5G, Wi-Fi 6E, Bluetooth 6.0, NFC e GPS.
Na práctica, o comportamento do teléfono é moi bo para a súa categoría. O Edge 70 Fusion móvese con soltura entre aplicacións, redes sociais, navegación web, reprodución multimedia ou mensaxería. A interface responde rapidamente e non atopamos problemas de fluidez no uso habitual.
A situación cambia un pouco cando lle esiximos máis. Para xogos especialmente esixentes pode quedar algo máis xusto, especialmente se buscamos manter os niveis gráficos máis elevados e taxas de refresco altas durante longas sesións. Pero non é algo que penalice a experiencia xeral, xa que para o día a día, o Snapdragon 7s Gen 3 ofrece máis que suficiente.
En definitiva, é un hardware ben equilibrado para o público ao que se dirixe. Non pretende competir cos procesadores máis potentes dos teléfonos de gama alta, pero tampouco o necesita.
Pantalla
O Edge 70 Fusion equipa un panel AMOLED de 6,78 polgadas, cunha resolución de 1.272 x 2.772 píxeles e unha frecuencia de actualización de ata 144 Hz.
A pantalla ofrece unha boa definición e uns ángulos de visión amplos, polo que o contido pode verse correctamente mesmo cando non estamos mirando o teléfono completamente de fronte.
Un dos seus puntos fortes é a fluidez. Chega até os 144 Hz, que fan que os desprazamentos pola interface, as animacións e o movemento polas aplicacións resulten moi suaves. Ademais, a resposta táctil é boa, polo que a interacción coa pantalla resulta rápida e precisa.
É unha desas características que se aprecian especialmente despois de utilizar durante un tempo un panel con alta taxa de refresco: volver a unha pantalla máis lenta resulta inmediatamente perceptible.
Motorola anuncia un brillo máximo de ata 5.200 nits, unha cifra espectacular sobre o papel. Na práctica, con todo, a experiencia en exteriores é algo máis matizada. A pantalla funciona relativamente ben no exterior, pero consideramos que podería ofrecer un comportamento mellor baixo determinadas condicións de iluminación. É dicir, a elevada cifra de brillo máximo non se traduce necesariamente nunha visibilidade perfecta en calquera situación.
Non é un problema grave para o uso habitual, pero si un dos poucos aspectos nos que esperabamos algo máis tendo en conta as especificacións anunciadas.
Completando a experiencia multimedia, Motorola inclúe un sistema de altofalantes estéreo duais asimétricos e certificación Dolby Atmos. O resultado é unha experiencia multimedia bastante completa, especialmente para ver vídeos, series ou escoitar música sen recorrer constantemente a auriculares.
Cámara
O apartado fotográfico está formado por dúas cámaras traseiras. A principal é un sensor de 50 megapíxeles con apertura f/1,8 e estabilización óptica de imaxe (OIS). Acompáñaa un gran angular de 13 megapíxeles, cun campo de visión de 120 graos. Na parte frontal encontramos unha cámara de 32 megapíxeles f/2,2.

A aplicación de cámara de Motorola é sinxela de utilizar e permite acceder rapidamente aos diferentes modos de fotografía e vídeo, co que resolve ben para todo tipo de usuarias.
En canto aso resultados fotográficos, con boa iluminación, son solventes. A cámara principal consegue fotografías con suficiente detalle e unha representación de cores agradable, sendo unha opción máis que válida para fotografías cotiás, viaxes ou para compartir contido nas redes sociais.
O comportamento, con todo, cambia cando a luz comeza a escasear, e non é algo exclusivo de Motorola. Como acontece habitualmente nos teléfonos de gama media, a perda de luz tamén implica unha perda de calidade. O detalle diminúe e o ruído faise máis evidente, especialmente cando as condicións son realmente complicadas.
A estabilización óptica da cámara principal é un punto positivo e axuda a conseguir fotografías máis estables, ademais de resultar útil durante a gravación de vídeo.

O gran angular cumpre coa súa función e permite ampliar considerablemente o campo de visión, aínda que a súa calidade non está ao nivel da cámara principal, especialmente cando a iluminación non acompaña.
En resumo, o apartado fotográfico cumpre sen ser o principal motivo para mercar este teléfono. É unha configuración equilibrada para a gama media, pero se a fotografía nocturna é unha prioridade, hai alternativas máis especializadas.
Software
O Motorola Edge 70 Fusion chega de fábrica con Android 16, acompañado pola interface Hello UI da compañía. A capa de personalización de Motorola mantén unha filosofía bastante próxima ao Android puro, e non resulta especialmente invasiva e a experiencia de uso é limpa e sinxela.
Si encontramos un número relativamente elevado de aplicacións preinstaladas. A parte positiva é que boa parte delas poden desinstalarse, polo que podemos deixar o teléfono ao noso gusto sen ter que convivir obrigatoriamente con todo o software que Motorola ou os seus socios incorporan inicialmente.

Motorola tamén está apostando con forza por Moto AI, o seu conxunto de ferramentas baseadas en intelixencia artificial. Entre as funcións dispoñibles encontramos ferramentas relacionadas coa transcrición e outras posibilidades de procesamento mediante IA.
É unha tendencia que estamos vendo cada vez máis na gama media e alta, aínda que a súa utilidade real dependerá moito do tipo de usuaria, xa que moitas tendemos a empregar ferramentas de IA máis xenéricas.
En canto ao soporte de software, Motorola promete tres anos de actualizacións do sistema operativo e cinco anos de actualizacións de seguridade. Non é a política máis longa do mercado, pero permite manter o teléfono actualizado durante un período razoable.
Batería
Se hai unha característica que converte o Motorola Edge 70 Fusion nun teléfono especialmente interesante é a súa autonomía. E aquí debemos facer unha aclaración: existen dúas versións do dispositivo con diferentes capacidades de batería. Unha delas conta con 5.270 mAh, mentres que a versión máis ambiciosa sobe ata os impresionantes 7.000 mAh.
A unidade con 7.000 mAh é especialmente interesante porque Motorola consegue introducir esta capacidade nun teléfono de menos de oito milímetros de grosor.
A xestión enerxética é moi boa. Durante a nosa proba, utilizando o teléfono de maneira normal, chegamos aos dous días e medio de autonomía sen necesidade de pasar polo cargador. E falamos dun uso real, con mensaxería, redes sociais, navegación, fotografía, chamadas e consumo multimedia.
Para usuarias cun uso máis moderado, esa autonomía pode prolongarse aínda máis. Isto converte o Edge 70 Fusion nun dos teléfonos máis interesantes da súa categoría para quen priorice precisamente non ter que estar pendente da batería.
O dispositivo admite ademais carga rápida de 68 W, polo que, cando finalmente necesitemos enchufalo, podemos recuperar unha boa cantidade de enerxía en pouco tempo.
A combinación de capacidade elevada, boa xestión enerxética e carga rápida fai que a autonomía sexa, sen dúbida, un dos grandes puntos fortes deste Motorola.
Conclusións
O Motorola Edge 70 Fusion é un deses teléfonos nos que resulta máis interesante analizar o conxunto que buscar unha característica que domine todas as demais. Temos unha boa pantalla AMOLED de 144 Hz, un procesador solvente, conectividade completa, unha cámara principal que ofrece bos resultados con luz e unha experiencia multimedia acompañada de son estéreo e Dolby Atmos.
Pero o seu verdadeiro diferencial está en dous aspectos: o deseño e a autonomía. Conseguir unha batería de ata 7.000 mAh nun teléfono de menos de oito milímetros é unha fazaña interesante, e facelo mantendo unha ergonomía excelente fai que a proposta sexa aínda máis atractiva. A dobre curvatura da pantalla e a traseira texturizada contribúen a que sexa un teléfono moi cómodo na man.
Por contra, non é o móbil perfecto para quen busque o máximo rendemento en xogos ou unha experiencia fotográfica especialmente avanzada en condicións de pouca luz. A pantalla podería defenderse mellor no exterior e a política de actualizacións, con tres anos de sistema e cinco de seguridade, queda por detrás dalgúns dos seus competidores.
Con todo, hai que poñer estas limitacións en contexto. Por uns 345 euros na versión con batería de 5.270 mAh e algo máis de 400 euros na variante de 7.000 mAh, o Motorola Edge 70 Fusion presenta unha proposta moi atractiva para quen busque un teléfono equilibrado sen gastar unha fortuna.
E se a nosa prioridade é ter un móbil cómodo, resistente, con bo rendemento para o día a día e, sobre todo, unha autonomía que nos permita esquecernos do cargador durante días, a versión de 7.000 mAh convértese nunha das opcións máis interesantes dentro da súa gama.
O Motorola Edge 70 Fusion pode mercarse en tendas como Amazon ou na web de Motorola, entre outros establecementos.
Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.
